Marta Rodríguez Engroba
Cando a nova parella se converte na túa sentenza
Se hai unha circunstancia que me produce arrepíos, ou, mellor dito, verdadeiro pánico, en non poucas ocasións, é a da chegada dunha nova parella á vida dunha muller que decidiu sair dunha situación de violencia de xénero.
Antes de continuar, prégovos a todos que non me entendades mal. Por suposto, non estou en contra de que toda muller refaga a súa vida, faltaría máis!, nin tampouco son das que pensan que todos os homes son maltratadores polo feito de selo, todo o contrario, pero non é menos certo que hai circunstancias que se tenden a obviar, e facelo pode chegar a ser tremendamente perigoso.
O estado psicolóxico dunha muller que vivíu o inferno dos malos tratos adoita ser moi precario. A anulación, a mermada cando non inexistente autoestima, que o seu verdugo se afanou en reafirmar día a día, unidas a unha enorme vulnerabilidade que lles fai estar firmemente convencidas da súa incapacidade para iniciar unha nova vida sen unha parella ao seu carón, amén do medo a soidade, convérteas nunha presa perfecta para caer de novo nas gadoupas de alguén que non será mellor que o seu antecesor, e que, posiblemente, rematará por el a tarefa de afundilas.
En moitos casos, e case sen transición, sen darse tempo a aprender a respirar de novo, a disfrutar de tantas e tantas cousas que o medo lles negou, cousas sinxelas, pero todo un luxo cando se está a vivir nun inferno de violencia, desde xogar tranquilamente cos seus fillos ata tomar un café con eses amigos dos que o maltratador as illou, ata unha relaxada tarde no sofá con un bo libro, algunhas mulleres que aínda están tentando saír do seu calvario, inician, case a desesperada, unha nova relación que, pode, en moitos casos, ser a rúbrica a esa sinatura que o seu antecesor deixou nas súas vidas.
Este novo aspirante a parella adoita aparecer case como cabaleiro andante, disposto a salvala e liberala de todo canto mal lle fixo e aínda posiblemente lle está a facer a súa ex parella.
Moi habilmente vaille sacar a información precisa para, posteriormente, atacar os seus puntos débiles.
Os comportamentos violentos, a falta de cariño, as humillacións e mesmo a escasa ou nula atención as crianzas que foron durante moito tempo o seu día a día, van ser substituídas por afagos, mostras contínuas de amor, agasallos, e un estudadísimo rol de pai amantísimo que vai derrochar cos seus fillos, deixando moi clara a diferencia entre ambos, amén dunha esmerada campaña de "captación" da contorna dela, digna do máis avezado político, que lle asegurará, polo menos inicialmente o apoio preciso para ir asentándose e vencer, se as hai, as posibles reticencias da súa presa.
Estos comportamentos veranse reforzados se, ainda por riba, a muller goza dunha certa solvencia económica, o que a converte, ademais de na presa perfecta para que el asente os seus reais, nun perfecto negocio para vivir sen esforzarse en pouco mais que en manter a súa mentira de parella ideal.
Loxicamente, ante esta providencial chegada de tan louvável salvador no seu branco corcel, a muller cae rendida aos seus pes e cre firmemente que por fin vai poder formar esa familia perfecta que sempre desexou, na que o amor e a harmonía van reinar xa para sempre, sen decatarse de que, de novo, está a ser manipulada, esta vez con luva de seda, iso si, polo menos ao comezo, nin sospeitar por un só momento que poida haber algo alarmante na precipitación coa que a súa nova parella quere "oficializar" a relación, nin tampouco nesa omnipresenza que el manexa maxistralmente e que fai que ela non escape a súa ollada nin poida alonxarse del un só momento, pero, insisto, dun xeito tan hábil que semella que é ela a que manexa a situación e demanda esa constante compaña, ou, dito doutro xeito, de novo está a caer na rede dun maltratador. Mais solapado que o primeiro, seguramente, pero maltratador ao fin e ao cabo.
Esta situación que estou a describir, é, por desgraza, moito mais frecuente do que se poida pensar, e non son poucas as mulleres que, tendo sido vítimas de violencia machista, caen nela, quedando, na maioría dos casos, tocadas emocionalmente para sempre.
Así as cousas, e para rematar, gustaríame mandar unha mensaxe a todas as mulleres que estean a vivir unha situación semellante.
Non renunciedes ao amor, pero darvos tempo. Se ten que chegar, chegará, seguro. E, mentres tanto, aprendede a respirar de novo profundamente, sen medo. Experimentade esa liberdade que se vos negou durante tanto tempo e tomarvos un tempo para comprobar canta vida vos queda por vivir aí fóra, unha vida preciosa, sen ataduras.
E, por riba de todo, pensade nas vosas crianzas. Non é doado para unhos nenos asimilar todo o que conleva unha situación de violencia de xénero, da que non deixan de ser vítimas. Impoñerlles así, de súpeto, unha nova e constante presenza nas súas vidas pode, case con toda seguridade, non ser o mellor para eles.
En definitiva, tempo ao tempo. Polo teu ben, polo deles, porque o merecedes.