Marta Rodríguez Engroba
Preocupación ante as evidentes neglixencias na protección das vítimas de violencia de xénero
Desde a asociación Si, hai saída queremos manifestar a nosa preocupación ante as mais que evidentes e gravísimas neglixencias que se están a cometer na atención e protección as vítimas de violencia de xénero, e das que son tráxico exemplo os asasinatos machistas cometidos nos días pasados.
O caso de Andrea, a rapaza falecida na colisión supostamente provocada do vehículo conducido pola súa ex parella ou de Kenya, asasinada pola súa parella, son soamente dous tráxicos exemplos dun sistema, que, ademais de claramente ineficaz, minimiza o risco que corren as vítimas e deixan patente que, ainda a día de hoxe, cando o número de vidas segadas pola violencia machista acada cotas aterradoras, ésta segue a ser considerada un un delito secundario, ignorando, en non poucas ocasións, as chamadas de auxilio de quen a está a sufrir.
Nin a denuncia, no caso de Andrea, a que se lle prometeu unha protección que non chegou e a que tiña todo o dereito, nin as dúas interpostas por Kenya, que, como tantas outras mulleres na súa situación, seguramente por mor do medo, non quixo continuar o proceso, e que, sen querer, puxo en bandexa a escusa perfecta para a Fiscalía, que malia o máis que evidente perigo que corría non solicitou ningunha medida cautelar,obviando esa protección da que tanto se fala e case nunca se aplica, deixan ben claro a total desprotección e indefensión das mulleres vítimas da violencia de xénero e que case toda a batería de medidas que se nos está a vender por parte daqueles que teñen competencia directa nesta materia semellan ser, por desgraza, fume ou, como moito, pura teoría.
Así as cousas, desde a asociación Si, hai saída esiximos que, dunha vez por todas, se tomen as medidas reais e efectivas para que a masacre que non deixa de cobrarse as vidas de tantas mulleres poida ser paliada e que o sistema que ten a obriga de defendelas, de protexelas, actúe coa contundencia e a rigurosidade que unha lacra de tal gravidade require, esquecendo os intereses, e atendendo a que, sen ningunha dúbida, debe ser a maior prioridade: Salvar vidas, e que a nos, as mulleres, deixen de asasinarnos.
Asociación Si, hai saída