Marta Rodríguez Engroba
É vostede un maltratador? Prométame que non o vai facer máis... e á rúa!
Asistir a un curso de sensibilización de xénero e a outro de prevención de comportamentos violentos é o "castigo exemplar" que a xustiza lle impuxo a Mario García por patear a unha muller que agardaba para cruzar nun paso de cebra, e difundir a "fazaña", que un amigo da mesma catadura que el gravou, nas redes sociais.
Esta “pena” é a alternativa para evitar a cadea, xunto co compromiso de non delinquir nos vindeiros dous anos e de non achegarse a vítima. Unha alternativa que se lle ofrece a un malnacido que non ten o máis mínimo reparo en recoñecer que agrediu á muller polo feito de selo e co afán de humillala e insultala por iso.
Como xa imaxinaredes, despois de ler esta nova, tiven que respirar fondo e contar, xa non lembro nin ata que número, para tentar conter a carraxe e non soltar pola boca todo canto se me estaba a vir á mente.
Tampouco isto é novo. Case cada día teño que facer idéntico esforzo para non contestarlle a tanto "gurú" personalizado nalgúns políticos e líderes de algún que outro colectivo, que entre reconto e reconto da “pasta gansa” que lles reporta a súa "implicación" na loita contra a violencia de xénero, e mesmo representantes e integrantes dalgunhas institucións que, malia xogar un papel fundamental na defensa e protección das mulleres vítimas da violencia machista, non son quen nin aínda tentando finxir o contrario, de poñerse por un momento na súa pel, de entender a súa dor, o seu pánico, facendo da súa atención un trámite mais, que fai falla rematar axiña, máxime se son datas de lecer ou achegadas á fin de semana, que non é plan perder o tempo nesas "cousas das mulleres que din que lles pegan".
Falan, iso si, e moito, de prevención con unha grandilocuencia e un entusiasmo, sobre todo cando hai cámaras ou micrófonos diante, que mesmo por un intre che fan crer ou, polo menos, ter a esperanza de que están a mirar por nós, as mulleres, e que quen maltrata terá o seu xusto castigo, porque a lei se encargará de que se lle aplique con todo o rigor que un delito tan grave, e que tantas vidas custa, require.
Nada mais lonxe da realidade, e esta sentenza, ou mellor dito, este despropósito é, ademais dun insulto á vítima, o mellor exemplo.
Eu respecto, por suposto, aos profesionais que elaboran e aplican estes métodos, ferramentas, ou como se lles queira chamar, de "reeducación" para os maltratadores, pero cústame, e moito, chegar a crer que ninguén con sentido común e cunha cabeza minimamente ben amoblada (como se supón que as persoas dedicadas a tales tarefas teñen ou deberían ter) poidan estar convencidas de que realmente van ser efectivos para que unha mala besta que non dubida en agredir, ou mesmo en matar, non reincida no seu salvaxismo.
Non é necesario, penso eu, ser unha "lumbreira" para decatarse de que o feito de ser un maltratador non implica ser imbécil, e obviamente, se facer un curso ou cen lle evita entrar na cadea, non precisa pensar moito para tomar a decisión.
O que me resulta incomprensible é que ninguén con dous dedos de fronte teña o convencemento de que esa vai ser a solución e que, ao remate dos cursos, o elemento en cuestión vai estar convertido nun auténtico "anxiño" que non vai ser quen, a partir dese momento, de usar nin sequera o spray para matar mosquitos, de pura bondade.
Por favor!!!! Un chisco de seriedade, que estamos a falar de vidas!
E que ninguén me entenda mal. Non estou en contra deses cursos, nin moito menos, pero "ademais de", e non "en lugar de".
Dito doutro xeito, e sempre na miña opinión, de pouco ou nada van servir se as leis e a xustiza non actúan coa contundencia que actos tan graves requirirían. E a explicación é ben sinxela. Agás algunhas excepcións, que haber, hainas, lóxicamente, o delincuente, o maltratador, non comete as súas viles accións como consecuencia dunha enfermidade que lle fai perder o control dos seus actos. Nin moito menos.
O que o impulsa a actuar dunha maneira tan cruel e desprezable é a maldade pura e dura, maldade que merece ser castigada e que, de non ser así, seguirá sendo exercida case con patente de corso, polo que a reincidencia está practicamente asegurada.
Outra cousa sería que, mentres estiveran a cumprir as penas que a xustiza lles debería impoñer, se tentara reeducalos na medida do posible, tarefa que non é doada, e, nalgúns casos, penso que imposible.
Por outra banda, creo que é unha enorme incoherencia, ademais dun evidente perigo, falar de prevención, esa prevención que tanto se proclama en actos públicos protagonizados por eses "gurús" aos que me refería ao comezo, e actuar dun xeito tan imprudente e temerario na rúa a quen claramente ten a maldade como norma de conducta, sendo, ademais, un máis que potencial candidato a reincidir.
É, polo tanto, altamente improbable que asistir a uns cursos, por máis que se lles fale de igualdade, de sensibilización de xénero ou de prevención de comportamentos violentos, de pouco ou nada van servir se os seus delitos quedan impunes.
Tal vez eu sexa moi escéptica, pode ser, pero por desgraza, creo que a "aplastante" e triste realidade está a darme a razón.
O que xa non teño tan claro e quen é mais culpable, se o que delinque ou os que, tendo nas súas mans a potestade de exercer a lei coa súa laxitude, permiten, e mesmo facilitan, que continúen facendo dano.
Hai algo que semellan esquecer, algo que reviste un enorme perigo. Non hai maltratador que agrida unha única vez. É de libro.
E hai algo máis que deberían ter sempre presente: Facer experimentos a costa de vidas……iso si que non ten perdón.
Asociación Si, hai saída.