Antón Roel Villanueva
Fotos do Gafos no Liceo Casino
Cando pasamos polo barrio onde nacemos despois de moito tempo sempre atopamos algún espazo ou recuncho que segue igual e esperta no fardel da memoria recordos e lembranzas que pensabamos esquecidas que nos fan revivir momentos felices da infancia dos que fan cóxegas no corazón, semellante a cando atopamos unha vella fotografía que tiñamos esquecida.
Velaí nunha vella foto a pequena fervenza que facía o río dos Gafos na Ponte da Tablada onde, como tiñamos por tradición, pendurabamos os Maios ao río despois de participar na festa da Ferrería.
Alí sentados na ponte de pedra comendo a rosca do premio, se nese ano tivemos a sorte de gañar, vendo como devagariño perdíanse nas augas o fiuncho, as flores e as poesías das coplas, traballo e ilusións, ata outro ano retornar como anduriñas viaxeiras.
A magnífica exposición de fotos do río dos Gafos de Roberto Taboada fainos lembrar un tempo pasado cheo de nostalxias e tristeza aos que na nosa infancia e adolescencia puidemos gozar dun espazo fermosísimo dun río cheo de luz e vida, agora cuberto.
Aí está nas vellas fotografías comidas polo tempo o lavadoiro de Ponte Boleira onde as nosas nais ían lavar cargadiñas coas pesadas tinas de zinc cheas de roupa, como entre dúas escurrían a auga das sabas para logo poñelas a clarear nas praderías do río que parecían nevaradas, mentres tanto nós faciamos barquitos de papel que botabamos río abaixo coa ilusión de que chocasen co barco de Benito Soto ou Burla Negra que criamos atracado no peirao das Corvaceiras onde ía morrer o noso río.
Velai as fotos dos vellos muíños, lugar de encontro dos veciños, xerme dos teleclub, bibliotecas da sabedoría popular, fervedoiro de contos, lendas, historias, cancións, muiñadas e traballo no tempo da moenda. Foron en ateneo das xentes humildes do campo nos tempos da fame, de cando navegar era cruzar a ría na barca de Plá ata as praias da Puntada, Lourido e Praceres.
Despois chegaron xentes alleas ao barrio de Campolongo que nunca se bañaron no río, nin lle disputaron espazo ás ras nas pozas, nin viron florecer as mapoulas, lirios, narcisos e fiuncho nas beiras, nin escoitaron cantar ao cuco ou xílgaro, nin lavaron as feridas como os leprosos dos que o río toma o nome, nin imaxinaron cando saïamos das películas do Malvar co río que no verán era case un regato que tocabamos o fondo coa man, convertíase na nosa imaxinación no Amazonas nas películas de Tarzán, no Mississippi nos contos de Mark Twain, en e Congo con Conrad ou no Yukón con Jack London.
A esas xentes o Gafos lles pareceu un río perigoso e enterrárono nun cadaleito de cemento, sen luz nin vida, e alí segue o aldraxe para a nosa vergoña.
Parabéns a Roberto Taboada.