Marta Rodríguez Engroba
El di que ela dixo si. Ela di que non é certo. Quen demostra a verdade?
O novo goberno ven de propoñer, da man da súa vicepresidenta e ministra de Igualdade, Carmen Calvo, unha reforma do Código Penal e da Lei de Enxuizamento Criminal por mor da cal, se unha muller non di explicitamente si ás relacións sexuais, todo o demáis é non.
Vaia por diante que, como muller e como calquera ser humano que se considere persoa, non podo por menos que dar a benvida a calquera norma, lei ou como se lle queira denominar, que protexa a liberdade sexual das mulleres, pero teño que confesar que, seguramente como froito da miña ignorancia, algo se me escapa. Non acabo de velo claro.
Pensemos, por exemplo, nunha situación que é moi frecuente.
Noite de festa. Rapaza coñece a rapaz, e hai "feeling". Unha copa, un baile, unha conversa, seguramente outra copa, quen sabe se algunha máis, e a cousa vaise caldeando.
Uns bicos, unhas caricias, que se van facendo máis e máis intensos, ata marchar na procura dun sitio onde acadar máis intimidade.
As primeiras prendas de roupa comezan a desaparecer para deixarlle campo libre as mans, nun preludio do que semella ser inevitable, pero... ollo!, que se supón que deben facer unha vez que xa chegaron a este punto? Parar nas súas efusións para que ela pronuncie un si claro e explícito? Chamar a alguén que actúe como testemuña no caso de que a cousa se revire e que poida afirmar que ela consentiu?
Ou tal vez, antes de pasar "a maiores", ela debería de asinar unha especie de contrato ou consentemento onde acceda a manter esas relacións sexuais?
Pode pasar tamén que, inicialmente, ela semelle estar disposta a manter esas relacións, ou tal vez de feito o estea, pero, nun momento dado, polo motivo que sexa, decide non continuar. Que pasaría nese suposto? Considerarase o home con dereito a consumar o acto porque inicialmente ela dixo si?
E se, pola contra, ela non se amosou moi disposta nun primero momento, pero despois mudou de idea e seguiu adiante sen decir si, consideramos que foi violada?
E non esquezamos, por suposto, o caso contrario, no que a rapaza di explicitamente non, e el decide que non lle vale e opta por obrigala, pero nun eido totalmente privado e íntimo. Admitirá, no caso de que ela o denuncie, que nunca consentiu?
Insisto no que dixen ao comezo, algo non me cadra.
Non dubido que a intención desta proposta sexa boa, pero, do mesmo xeito, penso que moito habería que perfilala para que sexa viable.
Agora mesmo, cando falamos de violación, a todos se nos veñen a mente atrocidades como as protagonizadas polos membros de La Manada, e algunha outra cometida con posterioridade, e que, malia ser evidente a violación, ainda se cuestiona e mesmo se chega a culpabilizar a vítima dicindo que provocou e que mesmo consentiu e disfrutou, pero non esquezamos esas outras violacións que se producen as agochadas, das que non hai máis testemuñas que a propia vítima e o seu agresor. Quen demostra si existiu ese si ou se, pola contra, a muller foi forzada?.
De non haber evidencias físicas, seguiremos estando na mesma situación, por moita reforma que se faga.
Unha reforma, ademais, que semella deixar no esquecemento que o sexo non sempre é violento, que a maioría das veces, o desexo é mutuo e as relacións se teñen porque os dous membros da parella así o desexan, e nas que a espontaneidade xoga un papel fundamental.
Francamente, non me imaxino parando de súpeto tan pracenteira actividade para expresar un consentemento que é máis que obvio.
Tampouco me queda moi claro se este consentemento será obrigado soamente en parellas que se acaban de coñecer, e nas que se dá por feito que a muller é máis susceptible de ser forzada ou tamén é aplicable a parellas consolidadas.
Porque me dá a impresión de que tampouco se está a ter en conta que en moitos dormitorios de parellas desas aparentemente "de ben" se producen cada día moitas violacións, Moitas "decentes alcobas matrimoniais" son, durante anos e anos, escenario de aldraxes sexuais a mulleres encadeadas a auténticos salvaxes que ainda seguen exercendo o "dereito de pernada".
Acaso elas non son violadas, ou son menos vítimas que as que son agredidas nun eido digamos menos convencional ou formal?
Ou acaso pensan que, despois da devandita reforma, de chegar a levarse a cabo, o depredador co que malviven cada día lles vai pedir o consentemento, considerar siquera unha negativa ou, ainda menos, respectala?.
Lamento dicir que esa hipotética reforma para min ten moitos flocos, ademais de ser, como tantas outras veces, a lamentable evidencia do descoñecemento da realidade das lacras que tantas mulleres padecen.
Falar desde un atril, e coa exaltación da chegada a un goberno no que se quere ficar, é unha cousa. Coñecer de primeira man a realidade, enfrontarse a ela e actuar de xeito efectivo e contundente para arranxar tantas e tantas atrocidades que moitas mulleres sufren a diario, outra moi distinta.
Violencia de xénero, sexual, e, en xeral todo o que implica maltrato para a muller, constitúen, non nos enganemos, argumentos moi atractivos para facer política e que, inxeniosamente manexados, poden supoñer moitos votos, pero cumpre ser realistas e, por suposto, honestos.
E que conste que eu son das que sempre dou un voto de confianza, sen mirar a cor política, máxime cando se trata de violencia sobre a muller, pero de utopías, de promesas baleiras, xa estou moi farta, e teño que recoñecer que me estou a volver máis escéptica cada día.
Ogallá esta reforma proposta non contribúa a que esta sensación miña se incremente.
Tal vez sexa prematuro pronunciarse sobre isto, pode ser, pero, sinceramente, ata o momento, e baseándome na información da que dispoño, non a vexo viable.
Asociación Si, hai saída