Marta Rodríguez Engroba
Non aprendemos, ou aínda peor, non queremos aprender
Non me vou meter no xardín de opinar de política, porque, como xa comentei nalgunha ocasión, cada vez teño máis claro que non é o meu, agás que me plantexe ser unha firme candidata a úlcera, porque hai demasiados intereses máis que evidentes, demasiados manexos, cos que non podo, pero si me vou permitir comentar que, se ben poida que aínda sexa prematuro opinar da traxectoria que semella estar tomando o novo goberno, o que non se lles pode negar é que son hábiles, moi hábiles e uns auténticos virtuosos dos golpes de efecto.
Xa o demostraron formando un goberno maioritariamente integrado por mulleres, din que por convicción e por estar a prol da igualdade, algo moi positivo, por suposto, pero ao que, cando se fai pola razón que din, por convicción, non é preciso darlle tanto bombo.
Damos por sentado que todas e cada unha desas persoas estarán aí en función da súa valía, non do seu sexo. Niso baséase a igualdade, polo menos a igualdade tal e como eu a concibo, pero bueno, de todos é sabido que se algo me caracteriza e ir contra corrente.
Por outra banda, e volvendo a esa habilidade da que falaba, saben que a violencia de xénero é, por desgraza, ben utilizada, ou máis ben debería dicir estratéxicamente utilizada, unha poderosa ferramenta política e electoral, polo que non dubidaron en desplegar unha batería de medidas que semellan deixar contento a todo o mundo…..menos, unha vez máis, a min!
Xa a pasada semana expresei as miñas dúbidas en canto ao destino que se lle darán a eses orzamentos duplicados, así como a xestión desas competencias que lles serán restituidas aos concellos, e que seguramente beneficiarán a moitos, e non estou a referirme as vítimas, precisamente. Pero hai algo que me preocupa aínda máis, e que, malia que vai unido a unha das eivas mais graves e mais evidentes nesta mateira, ninguén semella decatarse.
Estou a referirme a esa medida que di que non será precisa a denuncia para que a vitima da violencia machista se lle acredite a súa condición e se lle brinde a protección que precisa. Os encargados de acreditar a devandita condición poderán ser os servizos sociais ou outros relacionados coa súa atención, ou mesmo os centros de acollida. E xa está,todo o mundo contento e a celebralo!
E, de novo, eu sen acabar de ver onde está ese avance tan enorme que din que supón esta medida a menos, claro está, que tomen outra previa, da que nin se fala, nin creo que ninguén con competencias contemple. Quen vai garantir que o persoal encargado de facer tales valoracións sexa o adoitado?
Porque penso que, a estas alturas, todo o mundo é consciente, ou debería selo, de que, o feito de estar ocupando determinado posto de traballo non sempre implica a idoneidade para el de quen o fai.
Dito doutro xeito, que unha persoa desémpeñe o seu labor no eido social, neste caso con vítimas de violencia de xénero, e aínda tendo todos os títulos do mundo, non asegura para nada, por moita formación que teña, a implicación, a humanidade e a sensibilidade que deberían ser requisitos ineludibles, e que, de todos é sabido, a maior parte das veces non se ten en conta en absoluto, baseándose a selección deste persoal en criterios totalmente diferentes e, en ocasións, bastante cuestionables, o que fai que a súa labor se convirta en burocracia pura e dura, onde os sentimentos a dor, e a anulación que sinte unha muller que está a ser maltratada non é algo que se teña en conta, nin ao que se lle dedique o tempo que sería preciso para que a muller se sinta ben acollida, cómoda e comprendida, algo que redundaría en que se decidirá a contar o que está a vivir.
Alguén é consciente do perigo que implica poñer a seguridade dunha muller, dos seus fillos, nas mans dunha persoa que non é quen de empatizar con eles, de ver o perigo real que corren?.
Por outra banda, semella que tampouco se considerou en ningún momento outro aspecto desta cuestión.
Unha vez que esa vítima sexa valorada por alguén supostamente capacitado para isto, e acreditada a súa condición, existe a seguridade de que unha policía, xa as veces remisa a prestar toda a protección que debería cando é dictada por un xuíz, e con todo o respecto o digo, pero a realidade é a que é, vai acatar así como así as valoracións de alguén que para eles ten unha autoridade cando menos dubidosa? E que aínda cremos nos contos de fadas?
O peor de todo, e o máis alarmante na miña opinión, xa non é a máis que improbable eficacia destas medidas unha vez se leven a práctica. O peor é que, de novo, se deixa a xestión da violencia de xénero, e, porén, as vidas de mulleres e nenos que están a sufrila, nas mans de quen, a vista está, non coñece a súa realidade nin de lonxe.
Máis do mesmo. Dá igual quen goberne., porque, o faga quen o faga, non existe nin o máis mínimo interese en escoitar a quen de verdade podería aportar, non digo solucións, porque pretender iso, por desgraza, sería unha utopía, pero si pautas para tentar adoptar unhas medidas o máis eficaces posibles ás propias vítimas e a cantos traballamos con elas día a día, de verdade, sen basearnos soamente en teorías, senón nas súas necesidades, nos seus medos, e nas súas circustancias reais.
O demais, fume.
O máis tráxico é que o tempo pasa, o número de mulleres asesinadas medra de día en día, e tamén o das súas crianzas, pero desde arriba, desde esa cúpula dos mandamais que rexen as súas vidas, e desde a sociedade en xeral, ninguén aprende…… nin quere aprender.
Asociación Si, hai saída