Marta Rodríguez Engroba
Muller e maltratada. Cando a presunción de culpabilidade está servida
Nesta semana que remata, os medios de comunicación recollían a noticia da detención dun Policía Nacional en prácticas por agredir a súa parella na Mariña Lucense.
Esta detención levouse a cabo tras a denuncia de dúas testemuñas que aseguraron ter visto como este home golpeaba a súa parella, despois do cal, e tras ser detido e pasar a disposición xudicial, quedou en liberdade, con unha orde de afastamento de 200 metros e a prohibición de comunicarse coa rapaza por calquera medio. Tamén lle foi retirada a arma regulamentaria que tiña asignada.
Por desgraza, noticias coma esta son xa o pan noso de case cada día, pero, aínda así, e tendo en conta que o meu traballo habitual se desenrola no eido da violencia de xénero, non son quen de conter a indignación e o desalento que sentín cando lin algunhas das reaccións posteriores a este feito que me fan confirmar, xa non a dúbida, senón a certeza, de que a solución para rematar coa violencia machista, ou polo menos para tentar que vaia a menos, non só está aínda moi lonxe, senón que se me antoxa xa practicamente imposible de acadar.
A sociedade tería que nacer de novo.
Vaia por diante que eu non estaba presente cando ocurriron os feitos aos que estou a referirme, por tanto, non coñezo máis que o que lin nos medios de comunicación, o mesmo, supoño, que a inmensa maioría da xente que, non é que opinaran, senón que, automaticamente ditaron sentenza, unha sentenza por mor da cal a rapaza foi declarada culpable sen ningún xénero de dúbida.
Desde os comentarios de compasión hacia o presunto agresor, nos que acusaban a presunta vítima e as persoas que o denunciaron de arruinarlle a súa carreira, ata quen puxo en dúbida a versión das devanditas testemuñas que denunciaron, alegando que non puideron ver nada dado que era de noite, pasando por quen, estando, supostamente, vinculada a Polícía, e non estando, por suposto presente, sostén que foi unha discusión de parella e que hai que respetar a súa intimidade, as manifestacións nas que se daba por sentado que a suposta agresión nunca existira sucedéronse, apoiándose en argumentos como que a presunta vítima non chegara a denunciar e que non se coñecía a existencia de mazaduras ou calquera outra lesión física.
Deprimente, vergonzoso e inadmisible!.
Insisto en que eu non estaba alí, e o xuíz será quen terá que dirimir os feitos, pero é gravísimo que, aínda a día de hoxe, se condee a unha muller polo feito de non ter denunciado, cando de todos é sabido, ou mellor dito, debería ser sabido, que é un comportamento moi común nun número moi considerable de vítimas de violencia de xénero. O medo, a dependencia psicolóxica, son, entre outros, factores que lles impiden facelo, e o que cumpre é traballar para que isto deixe de ocorrer, e non condealas sen máis.
Un traballo que non é doado, e que persoaxes deste calibre, que se autoerixen en autoridades na materia, se encarga de votar por terra, por moita vontade que poñamos os que tentamos facelo do mellor xeito posible.
Por outra banda, ningún de nós nacimos onte, e se o feito de denunciar é un trago moi difícil de pasar, máis complicado aínda se torna o sinxelo feito de plantexarse chegar a facelo cando, como neste caso, o presunto agresor pertence a Policía, malia que sexa aínda en prácticas.
Xa sei que din que non existe o corporativismo, e que cando ocorren casos coma este se actúa dun xeito totalmente obxectivo e imparcial... Tamén nos din que os Reis Magos existen!.
Haberá de todo, non digo que non, pero a realidade é a que é, e enganarse non leva a ningures. Outra cousa é que, ás veces, interese facelo, ou finxir que se fai. Eu calo agora, ti calas cando o problema sexa meu....todos contentos!.
Tampouco faltou quen arremeteu sen piedade contra os xornalistas que recolleron esta nova, e os acusou de manipulala e de amarillismo co afán de vender.
E ante tal acusación, a min gustaríame lanzar unha pregunta: Que fai máis grave o supostamente reprobable xeito de recoller esta información que o empregado, por exemplo, nalgún caso que aínda está dando e dará moito que falar, infinitamente máis mediatizado, e do cal se fixo do exposto nos medios de comunicación case un dogma de fe, do que practimente ninguén semella dubidar nin por un segundo, e aínda por riba se fomenta con toda clase de campañas en redes sociales, manifestacións, etc, etc?.
Que pasa, que, dependendo de quen sexa a presunta vítima se lle condea ou se eleva aos altares así, sen máis?.
Que opinaría esta xente que está a sentenzar a esta rapaza se mañá comeza a aparecer nos medios, a facer un circuito de platós contando a súa historia, unha historia, repito, da que todos sabemos o que nos contan, nin máis, nin menos? Tamén se faría dela un ídolo de masas, ou pouco menos que unha icona do feminismo?.
Por non falar do presunto maltratador. Creo que é doado decatarse de que, unha vez máis, queda claro que tamén aquí hai clases. Formar parte de certas filas semella que otorga carácter de intachable e que nin siquera a máis leve sospeita no que aos seus membros atinxe ten cabida.
Un chisco de seriedade, por favor!.
Tanto custa ter siquera un mínimo de sentido común para decatarse do dano que se ocasiona con este tipo de conductas que non fan senón fomentar que se siga maltratando, asasinando, as mulleres e a impunidade de quen o fai?
Quen se cre esta xente que xulga sen piedade, e sen ter nin o máis mínimo coñecemento da realidade que é? Quen lles otorga a potestade para sentenzar dun xeito tan cruel?.
Podo asegurar que se, malia que fora tan só por un só día, eu tivera unha mínima posibilidade de exercer a lei, a xustiza, o faría, e con toda a rigorosidade, non tan só sobre os maltratadores, senón sobre quen cos seus xuizos temerarios, coa súa envelenada parcialidade e cos seus prexuizos que destilan machismo, misoxinia e maldade pura e dura non fan senón maltratar tamén.
Asociación Si, hai saída