Marta Rodríguez Engroba
A "reentrée" da concienciación
Setembro é o mes da rentrée por excelencia.
Rematan as vacacións, e o retorno as actividades cotiáns volve rexer as nosas vidas.
Traballos, ensino, mesmo a política, espertan dun pracenteiro letargo no que todo semella ralentizarse, cando non paralizarse por completo.
Tampouco a conciencia, a implicación, que xa non son demasiado dignas de destacar o resto do ano, escapan a este paréntese.
Vinteoito mulleres asasinadas no que vai de ano, ata o momento de escribir estas liñas, porque, por desgraza todos sabemos que este número pode medrar en calquera momento, cinco delas no mes de Agosto, ademais de numerosas agresións machistas ás que as vítimas, afortunadamente, puideron sobrevivir, non semellan ser motivos dabondo para interrumpir esa especie de, non sei se de nirvana ou de conciencia selectiva que vai e ven segundo as datas e os interess, agás eses "efectivos" minutos de silencio, dependendo, por suposto, do preto de nos que vivira a muller asasinada.
Pero xa está aquí Setembro, e, mentres os bronceadores e os traxes de baño se van gardando na maleta, comezan a asomar de novo as conciencias, manifestándose en forma de anuncios de grandes eventos, deses aos que acude o mellorciño, con fotos en boa compaña aseguradas, e reivindicacións convenientemente transmitidas aos medios de comunicación, que se encargarán de que todo o mundo se entere da enorme implicación de quen as promove.
Pouco importa o que aconteceu durante o verán, se as vítimas de violencia de xénero foron debidamente atendidas cando acudiron a denunciar, se estiveron debidamente protexidas ou si se atoparon desamparadas nalgún momento.
Tampouco se atoparon dificultades á hora de intercambiar os menores co outro proxenitor porque algún Punto de Encontro Familiar pechou as súas portas durante parte do verán, e como as solventaron se foi así, se quen precisou unha plaza nunha casa de acollida a obtivo, etc, etc, etc.
Todo iso ignórase olimpicamente. É máis, evítase falar disto coas persoas que tentamos axudar nestes meses a cubrir, na medida do posible, as perigosas carencias ás que estas mulleres e os seus fillos tiveron que facer fronte.
Do mesmo xeito ignórase ese repunte da violencia machista que cada ano se dá no verán, porque no verán non se está para falar diso, nin moito menos perder un momento de lecer para tentar votar unha man a quen sabemos positivamente que a precisa.
Total, todo o mundo actúa do mesmo xeito agás as catro chaladas que estamos todo o ano dalle que dalle coa mesma teima, así que non hai que apurarse.
Abonda con ter a "artillaría" preparada para que xa nos derradeiros días de Agosto e nos primeiros de Setembro a prensa dea cumplida conta deses "desinteresados" actos que non soamente van demostrar a sua concienciación, senón que van servir, en moitos casos, para xustificar esas inxeccións económicas que se lles administran a moitos colectivos que din traballar para axudar as vítimas de violencia de xénero, e que non moven nin un só dedo o resto do ano, nin siquera para tentar simular que lles importa un pouco.
Non é preciso.
É algo socialmente aceptado, politicamente correcto é utilizar a dor de tantas mulleres, de tantas nenas e nenos para encher os petos e ocupar titulares non soamente non se cuestiona nin por un segundo, senón que está ben visto e apoiado sen reservas ademais de por quen lles proporciona eses fondos, pola sociedade en xeral, que é moi consciente de que os que organizan estes "saraos" son xente "ben relacionada", coa que interesa estar a ben e deixarse ver, polo que o aforo está asegurado.
Unhas cantas "funcións" destas características, habilmente distribuidas ao longo do ano, nas datas adoitadas, garanten seguir mantendo as prebendas, porque se algo saben facer e gañarse o apoio da xente que, na maioría dos casos, non se vai tomar a molestia de afondar máis alá do que ven na superficie, porque precisamente o foco do problema, desta tremenda lacra que non deixa de cobrarse vidas, radica aí, no desinterese por coñecer a raíz, a realidade deste feminicidio que medra e medra.
E pregaría que ninguén me entenda mal.
Non son ningunha amargada, que vexa con malos ollos divertirse ou lle negue a ninguén o seu dereito a descansar e ao lecer. Nada máis lonxe da realidade. Son a primeira á que lle gusta disfrutar canto poido e o fago na medida das miñas posibilidades.
O que me parece totalmente indecente é que se teña unha conciencia, por chamarlle algo, tan elástica, que se defenda unha causa ou se aparque según as conveniencias de cada quen, e menos aínda cando quen o fai se lucra desa causa que din defender de xeito altruista, ademais, pero a que soamente teñen en conta para lucrarse dela e sacarlle todo o proveito posible.
Claro que non é menos culpable que quen actúa deste xeito quen contribúe a que así sexa, ben co seu apoio económico, ou ben alimentando a súa mentira coa súa presenza e o seu recoñecemento público.
Como lle dixen hai días a unha persoa, falando deste tema, sen público non hai espectáculo.
Sintoo, pero o mesmo que noutras datas do ano, como o vintecinco de Novembro ou o 8 de Marzo, non podo evitar que nestas datas todo se me revolva por dentro ante tanta hipocresía e tanto interés descarado, máxime cando a violencia machista golpeou dun xeito tan cruel e ninguén semellou decatarse.
Non sei se serán quen, malia que sexa por un só instante, de pararse a pensar que a violencia de xénero é algo que nos pode tocar a calquera muller, sen excepción, ao longo das nosas vidas, e cando isto ocorre, ben na nosa persoa ou na de alguén que nos doe, é cando se valora a importancia da verdadeira axuda, da auténtica implicación, da de corazón, como tamén se é consciente do inxusto e do desprezable que chega a ser esa simulación de empatía, de concienciación, que no fondo soamente busca acadar o propio proveito.
Sei que hai quen dí que esaxero. Pode ser. Supoño que vivir o maltrato na miña pel axuda a que todo isto me afecte con máis intensidade, pero, sexa como sexa, que ninguén me pida nin pretenda que secunde tanta farsa, porque, para facelo, tería que nacer de novo.
Síntoo moito, pero, un ano máis, non podo coa rentrée.
Asociación Si, hai saída