Xermán Torres
Defensa da inutilidade, fronte ao culto da excelencia
O nacismo e o fascismo exaltaron a idea do superhome de Nietzsche, querían unha sociedade para e por os mellores, desprezando aos débiles, aos mediocres. Había que eliminar o que se consideraba defectuoso. Buscaban a entelequia dunha raza superior, asoballadora, dominadora; que sometería ou eliminaría aos inferiores. Faríase unha selección da poboación suprimindo ou apartando ás persoas deficientes, impuras, diferentes. Valorábase o enérxico, o forte, o superior e iso plasmábase nunha estética, nunha imaxe de forza, de enerxía, de marcialidade; entre outras cousas isto amosábase pola preferencia, por exemplo, no eido musical, das obras de Wagner, ademais de pola idea do nacionalismo alemán, pola enérxica sonoridade da música wagneriana.
Os neoliberais actuais promoven unhas ideas semellantes, poñendo en perigo a democracia, os avances sociais, os dereitos adquiridos e a liberdade dos pobos. Os tópicos que manexan son os que fan referencia á excelencia, ao rendemento, á competitividade, á avaliación, aos resultados. Non importan ou pasan a un segundo plano os dereitos e a dignidade dos seres humanos. Todo se pon en función da economía, tema central e case único, desprazando á cultura, á educación, á sanidade. Promóvese o sufrimento, a resignación da poboación, creando un sentimento de tristura, de derrota; o que cómpre é limitar a democracia, a supresión e vulneración dos dereitos conquistados e adquiridos ao longo da historia e con tanto esforzo.
Hai que desenmascarar a súa filosofía, os seus obxectivos políticos e defender con todas as nosas forzas a democracia e os nosos dereitos, debemos analizar e desvelar a súa linguaxe, os seus feitos, as súas actitudes, as súas manipulacións e enganos. Temos que unirnos todos e desbotar aos homes-máquina, con corazóns de máquinas, que tratan de deshumanizar, de economizar todo, defender só os intereses económicos e sociais das clases dominantes, dos poderosos, dos ricos, da ditadura dos mercados e das troikas varias.
Máis que nunca cómpre a defensa activa da democracia, das liberdades, dos dereitos. Traballemos por deixar un mundo mellor ás xeracións futuras, un planeta habitable e sostible. Reivindiquemos o pequeno, o inútil, o sinxelo, o non rendible; deixemos de pensar sempre en termos economicistas. Defendamos unha vida humana sinxela, non tan materialista e consumista e cunha boa calidade de vida e benestar primando a educación, a cultura, a sanidade, os servicios sociais, o ocio humano; incentivando a creatividade, a imaxinación, a ledicia de vivir. Fomentar as axeitadas industrias e empresas que teñan traballadores e non escravos. Un mundo por e para as persoas, para que se desenvolvan e realicen con alegría nunha sociedade xusta e solidaria.
28.04.2013