Xermán Torres
O Concello de Caldas de Reis homenaxea ao insigne e lembrado mestre Victoriano Rosales Álvarez
Será o venres, 3 de marzo de 2023, cando por fin e a título póstumo Caldas de Reis homenaxeará a un mestre inesquecible e honesto, por todos coñecido na vila como D. Victoriano, quen chegou a Caldas de Reis no ano 1958, viña destinado á Graduada de Nenos caldense, que chegaría dirixir con acerto e eficacia cando o ensino público andaba no país polo chan, miserento e escaso de todo tipo de recursos, unha situación lamentable e escandalosa; pero, contaba con grandes e irreprochables mestras e mestres como D. Victoriano. El chegaría ser o primeiro director do colexio público Afonso VII, froito da chamada lei Palasí de 1970.
D. Victoriano
Despois dunha breve e ingrata experiencia como concelleiro da Corporación caldense, sobre o ano 1973, D. Victoriano abandona Caldas para a trasladarse a Pontevedra, pasando a exercer no colexio público Xunqueira I e antes da súa xubilación prestou seus servizos á Administración Educativa na Delegación Provincial de Educación de Pontevedra.
Esta merecida homenaxe é promovida e organizada coa colaboración inestimable do Concello de Caldas de Reis por dous dos seus ex alumnos Miguel López Fariña e Xermán Manuel Torres de Aboal, quen isto subscribe.
Fago un chamamento ao pobo de Caldas de Reis, miña querida vila da infancia, para que se una e apoie esta iniciativa de gratitude a un mestre exemplar, asistindo aos actos preparados e programados para ese día 3 de marzo, a partires das oito da tarde, na que se descubrirá, primeiro, unha placa conmemorativa colocada na fachada do edificio que albergou antigamente a Graduada de Nenos e a continuación e no Auditorio Municipal celebrarase un acto de lembranza de D. Victoriano por parte de Miguel López e Xermán Torres. Sería bonito que ex alumnos e coñecidos se xuntarán para conmemorar a vida e a obra dun extraordinario mestre de escola.
Eu fun seu alumno tan só nun curso, o de 1968-1969, e puiden comprobar e comprender a valía e a honradez dun gran mestre, a quen debo iniciar os estudos que me conduciron a ser o que fun na miña vida. Quero manifestar a miña gratitude a un mestre que endexamais esquecerei e sobre, o que sen dúbida, volverei a escribir con todo o meu cariño e agarimosa lembranza.
Era excelente ensinando as Matemáticas, primeiro resolviamos os problemas na "pizarra co pizarrín", D. Victoriano ía facendo as correccións inmediatas, achegándose a cada alumno, unha vez corrixido, pasábase a limpo no caderno. Para o ensino da Xeografía dividíanos en pequenos grupos arredor dos mapas colgados nas paredes da aula e alí iamos cantando os accidentes xeográficos ou repasabamos a Xeografía Política... Unha novidade no ano 1968, chega un televisor á aula de D. Victoriano! E comezamos a ver a media mañá os programas da televisión escolar, onde teñen os inicios na televisión as intervencións sobre a Natureza de Félix Rodríguez de la Fuente e tamén seguiamos o programa Apolo cos lanzamentos dos foguetes e as chegadas das cápsulas espaciais que caían no mar. E quedoume tamén o recordo do gran fumador que era D. Victoriano, lémbrome da marca dos seus pitillos, chamábanse Jean.
PARA CONSULTAR:
(Consulta: 12/02/2023)
(Consulta: 12/02/2023)