Teresa Casal
Lembranzas: o método Ogino e a Lei D´Hont
ÿ posible que non teñan moito que ver estas dúas cuestións, pero a min ocurriúseme que algo deben ter en común, cando menos os resultados que, nos dous casos, adoitan ser estranos.
O método Ogino é aquel sistema anticonceptivo que baséase na abstinencia obrigada os días nos que se supón que a muller é fértil, é dicir medio mes a dúas velas por "siescaso". Polos comentarios da época este sistema fallaba máis cunha escopeta de feira e dou lugar a que houbera moitos nenos e nenas cuxa paternidade atribuíase ó inventor do método, era bastante corrente escoitar aquilo de "este é de Ogino".
A lei D´Hont é un complicado sistema de atribución de escanos despois dunhas eleccións que provocan cousas tan curiosas como que, nas últimas autonómicas, o PP perdera máis de cento trinta mil votos e no cambio, obtivera tres escanos máis, todo elo en comparación coas de 2009. Aplicando o conto anterior, algúns de eses escanos, serían de D´Hont.
As parellas que seguían ou seguen o método Ogino (penso que é o único que permite a Igrexa Católica) vivían nun sinvivir, sempre contando, calculando, levando un calendario de días bos e malos, pregúntome si, cando o famoso método lles dicía que podían facer o amor sen perigo, terían as ganas suficintes para facelo. E cada mes esperando que a ela lle baixase a regra. Total un absurdo sinsentido que, inda por riba, non protexía do contaxio de enfermidades e, dende logo quítalle toda a maxia e a fantasía ó encontro amoroso.
No tema electoral tamén hai que facer moitos números e saber aritmética para, ó final, chegar o resultado desexado: os partidos maioritarios gañan por goleada.
As cousas e os tempos cambian. No caso dos sistemas anticonceptivos hai abondo onde escoller dun xeito mais seguro, tranquilo e gratificante para as parellas, dende hai xa moito tempo.
No outro tema, hai que facer tamén un pouquiño de historia. Hai xa mais de trinta anos que temos democracia en España e, polo tanto os cidadáns podemos votar para elixir os nosos representantes. Nos inicios decidiuse adoptar o sistema D´Hont porque estabamos ante unha incipiente democracia cunha morea de forzas políticas non consolidadas na procura dun lugar no mundo. Pensouse adoptar un sistema que favorecese as maiorías e evitase parlamentos e concellos ingobernables. Hoxe en día a situación é ben distinta. España é unha democracia adulta e non hai que ter medo de que se goberne por medio de pactos e acordos. Eu, persoalmente prefiro o dialogo e o consenso, antes que a imposición e autoritarismo a que nos levan as maiorías absolutas. Polo dito, penso que xa non é necesario un sistema electoral que prime os partidos grandes, a diversidade, tamén na política, é intrinsecamente boa.
ÿ triste facer o amor con calendario obrigado e é inxusto seguir a funcionar con leis que xa non se adaptan a realidade social e política actual.
Non pretendín para nada facer un sisudo estudo sobre o sistema electoral, senón unha reflexión en ton de humor arredor de dúas cousas importantes para o home e a muller e pensar que as leis non son inamovibles, nin sequera a Constitución que, non esquezamos, acabase de reformar nun plis-plas cando lles pareceu ben as dúas forzas maioritarias deste pais. Polo tanto, fóra medos e precaucións absurdas: fagamos o amor con ledicia e cambiemos as leis electorais sen medo e con responsabilidade.
26.10.2012