Marta Rodríguez Engroba
Adolescentes fronte á violencia de xénero. Canto poderiamos aprender deles!
Nesta semana que xa está a piques de rematar tiven a oportunidade de poder levar a cabo unha das tarefas máis gratificantes de Si, hai saída e que, cada vez que a acometo, sinto como se me recargaran as pilas e esa enerxía e eses ánimos que as veces non podo evitar que decaigan un pouco foran renovados, e con máis forza que antes.
De novo compartín unhas horas fantásticas e inesquecibles cos alumnos dun instituto nas que falamos largo e tendido de violencia de xénero, e digo falamos porque se de algo estou especialmente satisfeita e, por qué non dicilo, moi orgullosa, é da súa participación.
Aprender a identificar a violencia de xénero desde os seus primeiros sinais, previla, qué facer ante unha situación desta índole, ou ante a sospeita de que se estea a dar, foron algúns dos temas que se trataron, pero, e me reitero, o que máis me satisfizo e co que continuaríamos horas e horas, de non ser porque o reloxo e as obrigas se impuxeron foron, como digo, as súas intervencións, e, moi especialmente, as preguntas que plantexaron.
É obrigado dicir, vaia por diante, que tería dado o que fora porque moitas destas "autoridades" en materia de violencia de xénero, que se cren en posesión da verdade e lanzan sentenzas que che fan pensar o gran favor que lle farían a todo o mundo e en especial as mulleres que están a sufrir malos tratos ficando caladiñas, puideran escoitar a estas rapazas e rapaces, adolescentes, e aos que ainda hai quen di que o que atinxe a violencia machista non lles interesa.
Alguén se parou a pensar siquera por un intre que, ao mellor, o que non lles interesa é a mensaxe que se lles está a transmitir? Que o que se lles conta, baseado case sempre en teorías moi pedagóxicas, non digo que non, e todo os meus respectos para elas e para quen as imparte, que quede claro, pero bastante alonxado case sempre da realidade, do día a día de quen está a ser maltratada, non lles chega, non cala neles?
Que hai demasiada teoría, cuxo pouso dura o que dura a charla en cuestión, pero que, cando saen pola porta do instituto xa caeron no esquecemento porque nelas non ven reflectida a realidade, unha realidade que moitos destes rapaces están a vivir moi de preto, tal vez nos seus propios fogares, no seu círculo de amizades, de compañeiros, ou, algunha rapaza, na súa propia pel?
Eu penso que sería bo pararse a reflexionar sobre isto.
Non abonda, penso, con dar un determinado número de charlas porque o programa así o esixe, e encomendarllas, ademais, a quen posiblemente sexa moi coñecido, e teña unha formación académica ou universitaria esmerada e máis que demostrada, pero que en materia de realidade, suspende estrepitosamente.
Como dicía ao comezo, as intervencións destes alumnos deixáronme impresionada, e non o fixeron menos as súas preguntas.
Impactoume especialmente a dunha rapaza que me plantexou a seguinte cuestión:
Explicounos que observa que cada vez aumentan máis os movementos que din ser feministas, que promoven manifestacións que chegan a ser multitudinarias e que se fixa en que algunhas caras están sempre presentes e mesmo semellan ser as "alma mater" destas accións, pero que ela non ten a sensación de que sirvan de axuda, nin que redunden nunha disminución da violencia de xénero, e esgrimiu como argumento irrefutable o tráxico comezo do ano 2019 e as espeluznantes cifras de mulleres asasinadas cando ainda non rematou o primeiro mes.
Non vou contar a miña resposta, por obvia e, porque, ademais, estou segura de que é de sobra coñecida, pero si vou dicir que o feito de que unha rapaza que non pasaba dos quince anos se exprese de tal xeito é,como mínimo, para pararse a reflexionar.
Un dos seus compañeiros, da mesma idade, plantexounos a continuación que él estaba convencido de que había moitas eivas no sistema, que as mulleres vítimas de violencia de xénero non se lles protexe como sería imprescindible e que non entendía como non se facía nada por arranxalo.
Outro argumento irrebatible, e para preocuparse, cando un rapaz tan novo se decata desa tremenda realidade que tanto se molestan en maquillarnos.
O seu comentario deu pe para que outra rapaza comentara que cando lles contaban como era a atención as vítimas de violencia de xénero hai moitos anos, cando ainda case non se falaba dela, e prácicamente ningunha muller que estaba a ser maltratada se atrevía a denunciar o facían para, coa comparanza, evidenciar o moito que se mellorara neste eido, pero que ela tiña claro que, ainda na actualidade, hai moitas cousas que non mudaron demasiado.....Impresionante!
Podería seguir reproducindo comentarios e máis comentarios, e todos eles serían dignos de levalos a esas mesas de debate, ou a eses grupos de traballo nos que participan aqueles que se supón teñen a obriga de traballar para paliar esta lacra e protexer as súas vítimas, e tamén, por suposto, as súas crianzas, vítimas tamén.
Como tamén deberían ser escoitadas as preguntas que me plantexaron, e o enorme respecto que demostraron cando algunha se refería a esa época da miña vida na que eu mesma fun vítima.
Non faltou unha que xa máis veces se me fixo, e que é, certamente, case obrigada. Se non desconfío dos homes, e se non sinto medo de iniciar e ter unha relación. Por suposto, a resposta foi un rotundo non, porque, afortunadamente, sempre fun moi consciente de que home e maltratador non son sinónimos, nin o ter sido vítima nun momento da miña vida me abocou, como moitos semellan crer inevitable e así o manifestan, a caer nos brazos dun maltratador tras outro ou a sentirme atraida por homes con ese maldito perfil, algo, lles preguei, que elas e eles tamén deben ter moi presente.
Tamén amosaron interese por coñecer como viviu meu fillo a situación de violencia de xénero na que nos vimos inmersos, e como ambos a superamos, e todo, insisto, con unha extraordinaria sensibilidade.
Especialmente impresionada me deixou unha rapaza que preguntou con unha expresión que deixaba lugar a poucas dúbidas se o ter pasado por unha relación violenta marcaría para sempre as futuras, se as había.
Non puiden por menos que asegurarlle que a ilusión, a confianza, o amor, poden recuperarse, sen dúbida algunha.
E todo o meu respecto e o meu agarimo para a que seguro será unha gran muller, digna de ser tida en conta, e que me pediu apoio para tentar axudar a súa nai. Que grande es!
Enormemente agradecida, así mesmo, polo seu interés acerca de Si, hai saída, das actividades que levamos a cabo, de como axudamos as mulleres que se achegan a nos...
Non me cansarei de repetilo, impresionante e unha emoción inmensa ver a súa atención, esa atención que se nota perfectamente que non é finxida, e os seus sorrisos, o seu agarimo cando rematamos.
Impagable.
O resumo? Que errados están os que din que os máis novos non están interesados na violencia de xénero, na loita para tentar erradicala, que non son conscientes do seu alcance!.
Son novos, pero non tontos, eso é o único que pasa, e non é doado, afortunadamente, facerlles comulgar con rodas de muiño.
Cando se lles fala de realidades, mirándolles aos ollos e sendo conscientes de que nos entenden perfectamente, non soamente non defraudan, se non que poderíamos tomalos como exemplo e tentar aprender deles.
Hai unha verba que penso que penso que é a que mellor os define: Esperanza.
Asociación Si, hai saída