Paloma Castro
Un Ingreso Mínimo a prol da dignidade humana
A Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948 recoñece que as persoas só podemos liberarnos do temor e da miseria, así como alcanzar a liberdade de palabra e de crenzas, cando se xeran condicións nas que o conxunto de individuos dunha sociedade poden desfrutar de tódolos dereitos humanos.
O Goberno progresista de España aprobou esta semana o ingreso mínimo vital, saldando deste xeito unha débeda social histórica, xa que España, a pesar de ser un dos estados da UE cunha maior desigualdade na distribución da riqueza e cun índice de pobreza infantil dos máis altos, atopábase aínda entre os únicos dous países da Unión que non tiña ninguha prestación que cubrise o risco xeral de pobreza.
Ata agora, unicamente existían sistemas de rendas mínimas nas diferentes Comunidades Autónomas, que levaban a grandes diferenzas entre rexións e que constituían, polo xeral, prestacións de escasa cobertura e contías baixas. A isto sumábase o feito de que este tipo de prestacións podía desincentivar a búsqueda de emprego ou potenciar a economía sumerxida, xa que unha das condicións para percibir estas rendas é ser desempregado ou desempregada.
O Ingreso Mínimo Vital pretende precisamente o contrario. Busca converterse nunha ferramenta para facilitar a transición dende situacións de exclusión social xeradas pola falta de recursos cara outras que permiten desenvolverse con plenitude na sociedade.
É por isto, polo que esta prestación é compatible con outras como a Risga ou a Renda Social Municipal, cunha pensión baixa ou incluso cun emprego de carácter temporal ou parcial cuxo salario non chegue a un mínimo que garanta unha verdadeira inclusión social. Estas prestacións non se suman, senón que se van complementar ata que o beneficiario poida acadar uns ingresos dignos.
O ingreso mínimo por persoa maior de 23 anos sen cargas é de 461,50 euros mensuais. Esta cantidade increméntase no caso de familias conviventes e tamén en relación ao número de fillos, existindo un complemento no caso de tratarse dunha familia monoparental, unha medida que aplaudo, xa que na meirande parte dos casos trátase de nais con fillos a cargo, e que amosa o compromiso deste Goberno a prol dunha igualdade real.
A pesar disto, nestes días escoitamos á dereita verter afirmacións erróneas e malintencionadas que buscan asustar á cidadanía cun suposto efecto chamada que esta prestación pode xerar cara á inmigración ou cara o parasitismo social. Comentarios que proveñen daquelas persoas que aínda non entenderon que os estados teñen responsabilidades coa súa propia sociedade, que non é posible acadar o obxectivo último de asegurar o respecto pola dignidade do individuo sen que este desfrute de tódolos seus dereitos.
E que constitucionalmente, é unha obriga do Estado de Dereito garantir esta cobertura, porque o contrario é dar esmola. Queda moi ben na foto, pero supón volver a épocas pasadas. Un Goberno progresista como o actual non o vai permitir.