Marta Rodríguez Engroba
No sétimo aniversario de 'Si, hai saída'; grazas PontevedraViva
Apenas vintecatro horas despois de que estas liñas vexan a luz, cumpliranse sete anos do nacemento de Si, hai saída, a asociación lucense dedicada a axuda e asesoramento as vítimas de violencia de xénero da que formo parte.
Sete anos pasaron xa desde aquel 21 de Marzo do 2014 no que comezábamos unha aventura que sabíamos non ía ser doada, pero que, ainda así, nos reservou e nos segue a dar moitas sorpresas, e non todas boas.
Pronto, desde a nosa presentación nunha tarde na que os nervios e a ilusión tentaban convivir do mellor xeito posible, malia que a segunda prevalecía claramente, porque se algo tiñamos e seguimos tendo claro e o noso obxectivo, nos decatamos de que tras os sorrisos, as apertas e os aparentemente inmellorables desexos dunha boa travesía na nosa viaxe que nos transmitiron tanto os presentes nesa ocasión coma os que non sendo posible acompañarnos físicamente os fixeron chegar por outros medios, se agochaban, en moitos casos, outros sentimentos, outras intencións e, sobre todo, outros intereses, que ían facer que a nosa andaina se tornara moi complicada.
Sería moi complicado e demasiado extenso tentar explicar aquí todo o acontecido nestes anos, como tamén o é resumilo, pero creo que se axustaría bastante a realidade se dicimos que pecamos de inxenuos, de moi inxenuos, pensando que a nosa intención de centrarnos única e exclusivamente na nosa tarefa de axudar as vítimas da violencia machista, respectando,por suposto, o traballo alleo, e mesmo ofrecendo o noso apoio a todos aqueles que pensaran que poderíamos ser dalgunha utilidade, ía ser correspondida de igual xeito.
Tras unha época inicial de desconcerto, como sucede sempre que se aterra nun terreo case descoñecido ou do que tan so se visualiza a superficie, na que a medida que os nosos esforzos se redobraban, malia o cal nos víamos e nos desexábamos para sortear toda clase de atrancos que as veces non sabíamos de onde saían, comprobamos como moitos dos sorrisos do primeiro día se transformaban en xestos de desagrado, as palmadiñas agarimosas nas costas en empurróns para tentar botarnos a cuneta e que esa unión entre todos aqueles que se supoñía traballabamos nunha loita común era unha mentira e que tan só estaba presente entre aqueles que formaban parte dunha engranaxe que nunca entrou nos plans de Si, hai saída.
O noso gran delito? Non sacar beneficio da loita contra a violencia de xénero.
Non entrar a formar parte dun sistema que, e lamentamos ter que dicilo, mira máis ao seu propio embigo, aos seus propios petos, e tamén, pese a quen pese, a intereses políticos, que a loitar realmente para axudar as vítimas de violencia de xénero.
Nunca, nin nos nosos peores sonos, chegamos a imaxinar que o noso propósito de non aceptar remuneración ningunha, de seguir, como sempre o fixemos, vivindo todos e cada un dos integrantes de Si, hai saída, dos nosos respectivos traballos, de ter como única prioridade a axuda a estas mulleres, aos seus fillos, sen outro obxectivo que non fora o de tentar facilitarlles na medida das nosas posibilidades, a volta a unha vida normal, sen medo, e o noso total rexeitamento a participar en certos, e pido desculpas pola expresión, pero, francamente, non se me ocorre outra máis atinada, "circos "mediáticos, así coma o noso nulo interés por aparecer nas fotos, nos ía pasar unha factura tan cara, e que algo que aparentemente é tan sinxelo como esa consigna de "vive e deixa vivir" era, é, unha utopía.
Lonxe de mellorar, as cousas non fixeron se non empeorar desde que, en Novembro do 2018, e contra todo pronóstico, nos foi concedido o premio Meninas polo noso traballo na loita contra a violencia de xénero.......Foi a nosa sentenza e a consigna máis ou menos implícita de que había que ir a por nos, e rápidamente, ademais, malia que a nosa traxectoria, agás polo enorme agradecemento a este premio, e a natural emoción, non mudou en absoluto.
Tiñamos e seguimos tendo os pes ben asentados no chan e as nosas prioridades seguen a ser exactamente as mesmas.
Naturalmente, os medios de comunicación non foron alleos a todo isto, e malia que, como xa dixen, non somos moi proclives a exposición mediática, somos conscientes de que a nosa loita require unha certa visibilización, máis durante moito tempo comprobamos que era inútil tentar que se fixeran eco de todo o relacionado con Si, hai saída, agás cando nalgún dos actos que organizábamos como charlas, xornadas, etc, participaba alguén relevante, en cuxo caso algún acudía a facer a foto de rigor, tras o cal de novo o esquecemento máis absoluto regresaba.
Afortunadamente, as cousas foron mellorando, non sen esforzo, e ainda hai algún medio que claramente nos rexeita, pero temos claro que eso sempre sucederá, e tentamos darlle a importancia xusta, a que merece, do mesmo xeito que con outros temos, na actualidade, unha fantástica relación, que, mesmo nalgúns casos, se traduce xa en afecto hacia algún dos seus integrantes.
Un bo día, e hoxe temos claro que o de bo foi real, moi real, alguén nos falou de PontevedraViva, un xornal que, teño que admitilo, non coñecíamos, e que nos describiron coma un medio serio, rigoroso, e, o máis importante, implicado na loita contra a violencia de xénero, algo sumamente importante para nos, e que amosaban co tratamento dado a esta gravísima barbarie, e que deixa, en certos eidos "informativos", bastante que desexar.
Eu mesma contactei con este medio para solicitarlles a posibilidade de establecer unha colaboración, sen demasiadas esperanzas de obter unha resposta positiva, as cousas como son, porque, que interese ían ter nunha asociación de Lugo que, ademais de non figurar no "ranking dos vips", íamos un pouco contra corrente?.
Por sorte, esta vez errei nos meus pronósticos, e pronto, concretamente o 15 de Abril, se cumplirán xa catro anos dunha colaboración que soamente se pode cualificar de enormemente satisfactoria.
Por isto, e coincidindo co sétimo aniversario de Si, hais saída, desexamos, no nome de todo o equipo que a integramos, expresarvos o noso agradecemento, non soamente por contar con nos semana a semana, por darnos a oportunidade de espallar a nosa mensaxe, algo tan importante, porque non se pode loitar contra aquelo que se descoñece, se non tamén, e coma non podería ser menos, polo voso rigor, pola vosa ética, e, por riba de todo, polo exquisito e sensible tratamento que lle dades a todo o relacionado coa violencia de xénero.
É, para Si, hai saída, ademais dun gran pracer, un auténtico orgullo compartir esta cita semanal con vós, así coma esas ocasións que, ás veces, lamentablemente, xorden de xeito inesperado cando a violencia machista golpea brutalmente.
Grazas, repito, de todo corazón, e ogallá chegue o día no que na nosa colaboración as boas noticias no que atinxe a violencia de xénero lle gañen terreo a esa crónica negra que medra e medra.
E, para rematar, un rogo:
Seguido sendo como sodes, non cambiedes.
Que a honestidade, o rigor e a sensibilidade que vos definen vos sigan acompañando sempre.
Xogades un papel moi importante nesta loita, decisivo.
Pontevedra Viva, facedes moita falta.
Asociación Si, hai saída