Lina Garrido
O PSdeG-Psoe de Cerdedo-Cotobade critica a incoherencia do PP respecto aos parques eólicos
Con respecto á última xuntanza entre os alcaldes do PP de Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Campo Lameiro coa directora xeral de Planificación Enerxética da Xunta de Galicia, as e os socialistas lémbranlle aos alcaldes populares e á directora xeral que foi a Xunta de Galicia a que fixo posible a instalación de parques eólicos fora das Áreas de Desenvolvemento (ADE) delimitadas no Plan Sectorial Eólico de 1997 aprobado tamén pola Xunta.
Así, o Goberno galego vén de modificar a lei que regula o aproveitamento eólico de Galicia coa recente Lei de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica de Galicia do pasado 25 de febreiro. A disposición final sexta no seu punto 4 establece que "non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico de Galicia, a excepción das modificacións sustanciais dos parques en funcionamento nos termos nos que se desenvolva regulamentariamente, así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posean unha función vertebradora e estructurante do territorio e sexan declarados así polo Consello da Xunta de Galicia".
Polo tanto, as e os socialistas de Cerdedo-Cotobade pídenlle ao Partido Popular que non minta dunha maneira tan descarada pois foi o propio Feijoo o que abriu a porta á instalación dos eólicos fóra das áreas previstas dende o ano 1997. Trátase, engaden, do mesmo Partido Popular que en 1997 aprobou o Plan Sectorial Eólico que, ao ser de incidencia supramunicipal, deixou aos concellos sen facultades para emitir informes urbanísticos sobre os proxectos e limitou o seu papel á mera presentación de alegacións no procedemento de información pública.
A Xunta anunciou e aprobou unha reforma legal que animou ás empresas do sector a presentar grandes proxectos excedendo os límites das Áreas de Desenvolvemento previstas no Plan Sectorial e esa mesma Xunta afirma agora, incoherentemente, que non vai permitir superar eses límites.
As e os socialistas de Cerdedo-Cotobade amosan a súa preocupación ante os diferentes parques eólicos proxectados no noso municipio: As Penizas, Campo das Rosas, Pico Touriñán, Os Cotos; e que afectan a diferentes zonas do territorio: Quireza, Tomonde, Corredoira,Rebordelo, Carballedo, Borela, Caroi, Pedr, Castro…e presentarán unha moción no próximo Pleno na que se inste a Xunta de Galicia á modificación urxente do Plan Sectorial Eólico de Galicia para adaptalo á realidade actual das infraestructuras eólicas e en concreto no relativo ás distancias a núcleos urbanos, vivendas illadas e a explotacións agrícolas, gandeiras ou doutro tipo.
"A situación de descoñecemento e confusión a que se están enfrentando tanto as veciñas e veciños como os representantes das diferentes Comunidades de Montes é grave. Hai que ter en conta que estos días diferentes consultorías están percorrendo o noso Concello e ofrecendo cartos por aeroxenerador implantado."
AGRUPACIÓN SOCIALISTA DE CERDEDO COTOBADE