Marta Rodríguez Engroba
Propoñer leis está moi ben. Aplicalas, xa é máis complicado
Evidentemente, é unha boa nova e esta proposta é benvida, xa que, obviamente, a dixital constitúe unha forma máis da violencia de xénero, exercida ademais na maioría dos casos con case total impunidade por mor do anonimato e a posibilidade de agocharse que as redes sociais lle brindan aos agresores, pero o que xa non é tanto é nova, xa que a Si, hai saída chegaron casos desta violencia prácticamente desde que botamos a andar, se ben é certo que se observa un incremento deles, algo que se fixo aínda máis evidente coa chegada da pandemia e o confinamento, por razón obvias, pero reitero, nova, o que se dí nova, non é.
E precisamente por isto, porque non nos resulta nova, somos conscientes da enorme dificultade que supón previr e abordar este tipo de violencia, sendo as veces, de feito a maioría, case imposible, e non porque non se identifique, ou non se tente facer pedagoxía sobre o tema, xa que nos consta que cada vez se lle facilita a mocidade máis información, mediante charlas ou outras ferramentas, se non por outras razóns.
Malia que, como a violencia de xénero, en calquera das súas manifestacións, pode sufrila calquera muller, é certo que a dixital atopa o seu perfecto caldo de cultivo nas idades máis novas, nas adolescentes, a xeración que case, case, naceu cun dispositivo nas mans, e que as veces da a sensación de obviar calquera xeito de comunicación que non sexa a través deles, cos que conviviron desde moi pequenos, e que mesmo fixeron, en demasiadas ocasións, funcións de "canguros", xoguetes, e substitutos de compañeiros de xogos.
Para ninguén é xa estraño ver como os choros dun neno pequeño, pouco máis que un bebé, se calman poñéndolle un móvil ou unha tablet nas mans, ou como un adolescente pasa horas e horas alleo a todo aquelo que non aparezca nunha pantalla, algo que no fogar sucede case sempre pechado nos seus cuartos, sen que o frenético ritmo de vida diario permita que os proxenitores, en demasiadas ocasións, reparen no perigo que isto implica, nin moito menos que se decaten de que os seus fillos, e nestes casos, especialmente as súas fillas, están a levar unha especie de "dobre vida virtual".
Cando unha rapaza comeza, despois dun intercambio de mensaxes, conversas, etc, aparentemente inocentes no seu inicio, cun rapaz co que manteñen unha relación, con algún do seu círculo de amigos, coñecidos ou mesmo familiar, ou con alguén que coñeceron nese mesmo contexto, nas redes, e ao que, evidentemente, non coñecen en persoa, que van subindo de ton, a decatarse da trampa na que está a caer ou, por desgraza, xa caeu, a sentirse controlada, acosada, mesmo ameazada, sendo consciente en non poucas ocasións de que hai fotos súas circulando polas redes en actitudes claramente sexuais que se prestou a facer para compracer ao rapaz que dicía querela e no que confiaba, xa é tarde, xa está presa nunha espiral de medo, vergoña e ameazas do alcance que pode chegar a ter se lle conta a alguén o pesadelo que está a vivir.
É,porén, case imposible que llo confíe a ninguén, algo que non é difícil de entender.
Todos fumos adolescentes. Como lle contas a túa nai, a teu pai, por exemplo, que hai vídeos teus de carácter sexual circulando pola rede, que te están ameazando para impedir que pidas axuda?.
Unha vez máis, a soidade do cuarto adoita ser a única testemuña da súa vergoña, do seu medo, e das mensaxes que lle envía ao seu maltratador ou maltratadores suplicando que paren, algo que non vai pasar, ou, como moito, o comparten con algunha amiga que, igualmente, e con toda lóxica, tampouco sabe que facer.
Se chega a verse tan desbordada que finalmente, sacando valor de quen sabe onde, o confesa, é máis que probable que o proxenitor a quen llo confíe, ou ambos nalgún caso, rexeiten de plano a posibilidade de denunciar, case sempre por medo a que transcenda, ao que dirán, e optan, a maioría das veces, supoño que pensando en que están a facer o mellor, por tentar frear eles mesmos aos agresores, contestando as mensaxes, ameazando con tomar medidas que saben ben que nunca levarán a cabo, ou mesmo chegando a encontrarse persoalmente con eles para tentar disuadilos de continuar, sen resultado ou, peor aínda, conseguindo o efecto xustamente contrario ao pretendido, que se encoraxen aínda máis, cando non teñen que lidiar, ademais, no caso de que estas agresións procedan de alguén con quen mantivo unha relación, coa dependencia psicolóxica da rapaza, que se cre perdidamente namorada, e que mesmo pode chegar a xustificar o que lle está a facer atribuindo ese maltrato a un mal entendido "amor" por parte de quen está a vulnerar gravemente a súa intimidade, a súa dignidade.
De ahí que en Si, hai saída hai tempo que chegamos a conclusión de que o primeiro e imprescindible que se debería facer é tentar educar aos pais, que, evidentemente, non está preparados para enfrontarse ao trago de ver as súas fillas en situacións de tal calibre, algo, por certo, que se pode aplicar tamén ao eido educativo, que xoga un papel fundamental e que non sempre evoluciona ao mesmo ritmo que as novas problemáticas que van xurdindo.
Se, no mellor dos casos, algún deles opta por denunciar, algo moi improbable, de todos é sabido que, case con toda seguridade, o percorrido desa denuncia vai ser moi curto, se é que chega a iniciarse, e, de ser así, o proceso que sobrevén, que vai provocar que no momento no que se saiba a rapaza teña que enfrontarse ao rexeitamento de moitos compañeiros e presuntos amigos e amigas, que mesmo poden chegar a culpala a ela, aos insultos, ao baleiro que lle van facer e que a van a abocar ao inimigo máis temido nesa época da vida: o rexeitamento do grupo e o illamento social, algo que vai exercer tal presión sobre ela que, posiblemente, acabará por desistir de continuar adiante cun proceso que non é nin curto, nin doado.
A conclusión?. Esta proposta de lei é positiva, por suposto, pero, unha vez máis, deixa en evidencia, e con todo respecto o digo, que teoría e práctica non van da man, e que, no que atinxe a violencia de xénero temos moita da primeira, pero falta traballo de campo, falta mergullarse na realidade das vítimas polo que nos reafirmamos en que propoñer leis está moi ben, claro que si, pero facelas efectivas…..ese é outro cantar.
Asociación Si, hai saída