Antón Roel Villanueva
Alborada do río sen luz
Na memoria da xente maior do barrio de Campolongo esta a imaxe dunha velliña de cabelos de prata, que cando taparon o rÍo dos Gafos no seu debalar polo barrio, no abrente do dia cas manciñas trementes, espallaba migas de pan enriba do cemento do paseo para que os gorriòns viñeran picotear e asi o rio non sentirse tan soio. Outra historia que se lembra é a daquel outro vello recio aferrado á terra como un Carballo que logo encerraron nun siquiatrico, porque cun pico queria el soio liberar o río que foi a súa vida do cadaleito no que o puxeran. Velaí logo de miles de anos de luz pasando devagariño polo barrio, dando vida e riqueza cos Muiños, os Lavadoiros, e regando as colleitas nas beiras sin facer dano a ninguén, de sùpeto deixárono agochado sen luz nin vida condenado a máis de cincuenta anos de sombra. Ninguén no barrio pensou que aqueles velliños xunguidos ao río estivesen tolos.
No fardel da memoria o río garda o tempo cando se sentía querido e aprezado polos veciños carrexando prosperidade e riqueza na contorna, regando as veigas ao seu caròn, ,dando de beber aos peregrinos, procurando colleitas abondosas e proporcionando alimento cos Muiños e auga para os Lavadoiros ao seu caròn, no tempo cando a vida xiraba arredor do río, cando toda a riqueza e prosperidade chegaba a través súa. Cando o Merlo pousado na póla dun Bidueiro cantaba nos días tristes da invernia e os Pardais Xilgaros Poporrubios e demais paxaros facían os niños nas árbores que se espelleaban e reflectíanse nas augas. Era o río onde os leprosos lavaban as feridas para poder entrar na cidade.
Porén agora o rio moito tempo esquecido e abandonhado nun buraco de sombras síntese que non está soio, e albiscase un raio de esperanza cando traídos polo vento escoita marmurios de voces baixas que falan de liberalo. Velaí o río devagariño rebuleiro, feliz, agochado na procura da luz, confiado que asiña poida ollar as estrelas que, durante moito tempo, eran como bágoas que caían. Voltarán os paxariños a beber e bañarse nas beiras, e as Bolboretas, Avelaíñas e Andoriñas aló pola primavera cando as beiras se enchen de Lirios, Narcisos e Fiuncho, cando o ar recende a Loureiro e Mentrasto, os praderíos píntanse coas cores das Mapoulas como cadros de Van Gogh, e volva o río a sentir o latexo da vida co balbordo dos rapaces ao saír no recreo e escoitar cantar o Cuco outra vez, e que as Lavandeiras e Pegas rabilongas e Corvos reidores picoteen nas beiras, e os veciños no tempo do lecer pasear e apreciar ao ter a sorte de ver o río das Sete Enchentes fermosísimo, cheo de vida, pasar devagarciño e rebuleiro ao seu caròn.
Albíscanse boas novas para as rías contaminadas e os ríos tapados coa anulación da inxusta prórroga de Ence que vai liberar a ría da contaminación e o proxecto de destapar o tramo do Gafos ao paso pola cidade. Aló no Caurel, que aínda saben o que é vivir en paz e armonia ca natureza, chamanlle Loairas ás raiolas de sol que saen entre as nubes; o mesmo que agora senten a Ria de Pontevedra e o Rio dos Gafos cando empezan a valorar a importancia de ter unha ría sen chemineas ,e un río sen lousas. Sen Tempo Non Era e que Cante o Merlo, que estamos de troula.