Marta Rodríguez Engroba
Grazas, Nevenka
A resaca do 8M xa é pouco máis que un recordo para unha gran maioría, non para todas nin para todos, reitero unha vez máis, pero si para aquelas conciencias de quita e pon que tanto abondan no noso país, e que este ano creo que se manifestaron máis que nunca, comezando polo máis evidente, un feminismo que di defender o mesmo, pero que, en moitos sitios, saíu ás rúas totalmente dividido, o cal é motivo máis que suficiente como para sementar dúbidas sobre a súa credibilidade, ou, a lo menos, sobre certos sectores del.
Pero non vou a afondar máis sobre este tema.
Desde Si,hai saída xa manifestamos con toda claridade cal era, é, a nosa postura, e tan só nos queda lamentar, unha vez máis, a nosa tristura pola utilización que se fixo desde certos eidos, comezando polo goberno, da violencia de xénero, das súas vítimas, en aras do populismo, da notoriedade, e deixando de lado o que debería ser o auténtico obxectivo desta loita: acadar a igualdade real entre homes e mulleres, sen pretender supremacías, nin un "quitádevos vós para poñernos nós", que non procede en absoluto, sen converter tan digno movemento nunha guerra de sexos que o desvirtúa totalmente, e, por descontado, sen amosarnos, coma algunhas pretenden, aos homes como o inimigo, nada máis lonxe da realidade.
Dito isto, nunha semana sementada de eventos e de programacións nos medios cun marcado perfil reivindicativo, vou a referirme a algo acontecido nun deles, que chamou poderosamente a miña atención, e non para ben, precisamente.
Case a mesma hora a que se estaba a celebrar ese "macroconcerto solidario" que foi un capítulo máis dese show que fai que certas caixas rexistradoras, desde hai practicamente un ano, non deixen de soar nunha constante recadación, e no que se homenaxeaba a unha señora que din era a máis grande, e o sería nos escenarios, non digo eu que non, pero non o sería tanto na súa vida privada cando sendo, supostamente, segundo a testemuña da súa propia filla, coñecedora de que esta estaba a ser maltratada pola súa ex parella, e malia os numerosos recursos cos que contaba, preferiu mirar a outro lado porque había que gardar as aparencias, unha canle de Tv. emitía un documental no que se recordaba a dura historia de Nevenka Fernández, a que fora edil do concello de Ponferrada no ano 1999, e que despois de manter unha relación co entón alcalde, Ismael Alvárez, cando decidiu poñerlle fin, comezou a ser obxecto dun acoso de tal calibre por parte del, callado de aldraxes, de vexacións, que chegou a destruíla por completo, algo ao que tamén contribuíu en gran parte o desapiadado linchamento popular ao que foi sometida, especialmente despois de que tomara a valente decisión de denuncialo e de que, no 2002, Ismael Álvarez fora condenado por acoso sexual, malia o cal ela chegou a verse na necesidade de marchar de España para tentar respirar e seguir adiante, algo inviable aquí.
Tremendo e inimaxinable, creo, para quen non o viva, o inferno ao que tivo que enfrontarse esta muller, un inferno que aínda hoxe, tantos anos despois, é doado detectar no seu discurso, nos seus ollos, na súa dor cando recorda...
Non precisa sobreactuar para convencer, nin utilizar expresións ou vocábulos estudados e grandilocuentes.
O sufrimento vivido aflora aínda, sen pretendelo, na súa voz, nos seus xestos, nese aire que as veces lle falta e lle fai moi difícil seguir falando.
Nevenka si foi, é, un referente, ademais dun exemplo de dignidade.
Con Nevenka si temos, todas as mulleres, a sociedade, unha débeda, unha débeda da que nunca se aproveitou, que non converteu en negocio.
No debate que acompañou a este documental participaban varias persoas, entre elas Isabel Carrasco, a que fora compañeira de Nevenka no concello e a única que a apoiou, outro exemplo a seguir, outro referente, e alguén que, curiosamente e penso que con moi pouca coherencia, tivo un papel estelar no macroconcerto ao que antes aludín, que se autodefine como a máis feminista do mundo, e que semella que, cada vez que fala, dita sentencia.
Estou a referirme a Mercedes Milá, que, xa que estamos a falar de referentes, teño entendido que tamén o foi como xornalista, e ollo, digo que teño entendido non porque o dubide, se non porque na súa época mais dourada eu era moi nova, case unha nena, e, porén, non valoraba ese tipo de cuestións.
Lamentablemente, a súa imaxe mais coñecida para min está vinculada a unha canle de Tv. e a un programa, "Gran Hermano", no que, en máis dunha ocasión, se lle viu protagonizar algunha escena esperpéntica e algo máis que lamentable, e, noutro tipo de programas, a imaxe que me transmitiu foi, sinceramente, e esta é, repito, unha impresión persoal miña, a dunha muller un tanto "endeusada", bastante maleducada, cunha desagradable tendencia a confundir falar claro con faltar ao respecto, e cunha prepotencia que, francamente, non son quen de asociar á profesionalidade, por non mencionar que ir de feminista pola vida e converterse na cabeza visible dun reality no que houbo desde violencia de xénero, ata abusos sexuais, di, na miña opinión, moi pouco a favor dela.
Pois ben, nesta ocasión, despois de ver a primeira parte do documental, a Sra. Milá, con ese ton máis que brusco, e ese xesto tan característico nela que semella, e perdoádeme a expresión, de perpetuo noxo, expresou a súa indignación polo que lle tocara vivir a Nevenka, e o seu rexeitamento polos homes como Ismael Alvárez, así como por todos aqueles que a culpabilizaron a ela, a vítima, algo lóxico, entendo, para, acto seguido, plantexarlle unha pregunta a condutora do programa, que, francamente, conseguiu deixarme abraiada, e que foi, nin máis nin menos, se Nevenka fora a un hotel co seu posteriormente acosador, e por que.
Perdón....????
Que ten iso que ver? Acaso ir a un hotel por propia vontade lle deu dereito a acosala porque ela, muller, foi, nese momento, libremente, e mantivo relacións sexuais con el?
Para comezar, nese momento eran parella, pero como se non o fosen. Para o caso que nos ocupa, o tipo de relación que mantivesen, ou non, é anecdótico.
E que acaso non puido decidir deitarse con el unha soa vez e non repetir?
Que o fixera unha ou cen veces é o de menos.
Chegou o momento no que decidiu que non máis, e iso é o que conta. Nin máis nin menos.
Eu pregunto, no caso do home, faría Vd. Sra. Milá, a mesma pregunta?
É ese o feminismo que Vd. tanto defende, do que se considera pouco menos que unha líder?
Por non mencionar que tan feminista non será cando mantén a súa vinculación con certa canle de Tv. e se erixe en imaxe principal de moitos dos seus eventos, como o do pasado 8M, por certo.
Así nos vai. Se quen se gaba de ter unha mente aberta, de ter ido por diante das mulleres da súa época, expón este tipo de cuestións, apaga e vámonos.
Por fortuna, neste difícil e longo camiño que as mulleres aínda nos queda por percorrer, atopámonos con algunha Nevenka, que nos fai manter unha certa esperanza de que algo aínda pode mudar, malia que sexa a costa de tanto sufrimento.
Grazas Nevenka, a ti, e a todas as mulleres, que, coma ti, facedes posible eses pequenos pero importantes avances.
Con vós si temos unha débeda.
Asociación Si, hai saída