Antón Roel Villanueva
A volta dos Maios
Vaise o mes do verde abril que e como unha sinfonÍa de Mahler, longa e chea de melancolía e tristura, cando reverdecen os Freixos na praza de Galicia e agroman as maceiras de río plantadas polos veciños na Virxe do Camiño, entra maio, de flores cuberto, da música de Vivaldi, dos amenceres de luz nos campos de mapoulas, cando amarelan os lirios e narcisos polas beiras do Gafos e os paxaros dende as pólas das árbores ensaian novos trinos.
Hai dúas datas no ano que a praza da Ferrería feita de pedra e camelia arrecende a campos de lavanda e mentraste, unha é no mes de novembro, onde a praza semella un mar de crisantemos co mercado das flores o Día dos Defuntos, e outra é no mes de maio, no que a praza semella un campo de mapoulas e todo tipo de flores ventureiras cando a Festa dos Maios, que este ano volve como as andoriñas que traen a ledicia coas cantigas retranqueiras e amables das coplas logo de dous anos sen primavera.
Cando o mundo eran os barrios os da Virxe do Camiño tiñamos a nosa despensa no río dos Gafos antes de que o tapasen e deixasen sen luz. O que agora é praza da Constitución era o noso territorio que defendiamos como a nosa patria , alí apañabamos todo canto precisabamos para facer o Maio, laranxas, fiuncho, pampillos, ovos, calas e flores. E os paus para o armazón. Coa ilusión en tempos de fame e do pan de figos e tendas do fiado poder gañar o premio das roscas, e se non había sorte, aínda tiñamos o domingo seguinte a Festa da Santa Cruz, cando iamos polas casas cunha cruz de madeira adornada con fiuncho e flores a pedir unha esmola e poder recadar algúns cartos para compensar as perdas cando non gañabamos ningún premio co noso Maio.
A Festa dos Maios era cando a rapazada dos barrios iamos ao centro, que era a praza da Ferrería , nosas nais obrigábannos a ir coa roupa que estrearamos o Domingo de Ramos. A praza era a pasarela para lucila. Alí, co arrecendo do fiuncho e dos laranxeiros, e cos primeiros xeados da tempada e as lambetadas que mercabamos no quiosco de María a do Carrillo, era como saír ao estranxeiro para nós. Eran das contadas ocasións que deixabamos a seguridade da nosa patria que era o barrio logo de subir a San Cibrán a sacar o meigallo, outra das festas míticas que non perdiamos.
Que a Festa dos Maios sexa declarada de Interese Turístico para que as novas xeracións non se esquezan dunha festa que è exaltación da primavera cando colocamos unha ramiña de xesta florida, que é como levar a primavera nos autos, unha tradición que xa os nosos antepasados celebraban con agarimo e nós temos a obriga de conservala e protexela. Cousa que non fixemos coa Festa da Cabaza, que deixamos esmorecer. A rúa da Virxe do Camiño sempre foi paso de peregrinos e hai constancia de que aí foi onde se fixo o primeiro Mercado das Cabazas. Sería bo recuperala agora co barrio renovado para non esquecernos da nosa historia.