Marta Rodríguez Engroba
Seguimos sen aprender
Como era previsible, non tardaron en elevarse as primeiras voces desas que, ante casos semellantes, están prestas a soltar iso de "E agora que din as feministas/ feminazis?", "Isto tamén é violencia de xénero, pero disto non din nada", ou "As mulleres tamén matan, pero disto non se fala"... En fin, non paga a pena seguir.
Inútil explicarlles que, evidentemente, hai mulleres que matan, que rouban, que defraudan, que estafan... o mesmo que homes, pero que casos coma este de Madrid non están tipificados como violencia de xénero, porque a violencia de xénero é a exercida sobre a muller polo feito de ser muller, e que estamos a falar de violencia doméstica.
Non é un delito menos reprobable, evidentemente, e igualmente condenable, sobre isto non hai ningunha dúbida, pero non fai falta ser un estudoso das estatísticas para comprobar a magnitude acadada por cada un deste tipo de delitos, e, sen irnos máis lonxe, neste mesmo ano, do que apenas acabamos de pasar o seu ecuador, son xa 20 as mulleres asasinadas por mor da violencia machista que moitos e moitas seguen sen identificar, ou sen querer facelo, e digo isto porque o grao ata o que a violencia machista segue a ser ignorada, sexa ou non deliberadamente, aínda a estas alturas, cando tantas e tantas vidas se cobrou e continúa cobrándose, é intolerable, e para exemplo, por mencionar algún, no que queda perfectamente patente, tivémolo ben claro na miña cidade, Lugo, non hai moitos días.
Celebrouse o xuízo polo asasinato, en Febreiro do 2020, de Clara, salvaxemente acoitelada pola súa parella, que se confesou autor, cando esta se atopaba nunha situación de indefensión total, sendo condenado a 25 anos de prisión, tras ser declarado culpable de asasinato por un xurado popular, así coma a unhas indemnizacións económicas, solicitadas polo Ministerio Fiscal, para a nai, os fillos e o irmán de Clara, que oscilan entre os 2 e os 84.000 €, condenas estas coas que se mostraron satisfeitos, segundo recolleron os medios de comunicación, as acusacións particular e popular e a familia da vítima.
E non foi nisto no único que concordaron, se non tamén no feito de que non se tivera en contra o agravante de violencia de xénero, malia que a propia nai da vítima manifestara que Clara e o seu asasino eran parella desde o ano 2019 e que convivían desde había meses, así como que sabían que este estaba a maltratala e que ela lle tiña medo.
Sempre desde a prudencia, porque, evidentemente, eu non estaba presente no xuízo e a información da que dispoño é, como xa dixen, a que nos ofreceron os medios de comunicación, pero tanto como muller, como integrante dun colectivo que tentamos achegar o noso grao de area na loita contra a violencia de xénero, non podo por menos que manifestar o total rexeitamento ante algo que non son quen de entender, nin moito menos de aprobar:
A desestimación desta agravante, xa non soamente polo que implica para este caso en concreto, senón porque é a viva mostra da escasa ou nula importancia que se lle está a dar nesta sociedade nosa que se di tan concienciada á violencia de xénero, claramente considerada un delito menor, secundario, que se deixa de lado sen reparo ningún, mesmo cando hai, como semella ser o caso, evidencias máis que sobradas da relación de parella que existía entre ambos, así como dos malos tratos que Clara María estaba a sufrir desde había tempo, e á que, entre outras cousas, tiña totalmente anulada, sometida a un enfermizo control, chegando a prohibirlle, como é habitual neste tipo de relacións, desde vestirse de determinado xeito, ata relacionarse con amizades ou familiares, e, por suposto, con outros homes, aproveitándose, ademais, da situación de extrema vulnerabilidade psicolóxica de Clara por diversas circunstancias.
Desestimar esta agravante non quere dicir que a condena vaia a ser menor, pero entendo que esta non é a cuestión.
A cuestión é o que realmente este feito implica e que, se ante o brutal asasinato dunha muller, a que a súa parella someteu anteriormente a un calvario, se opta por deixalo pasar, por non tratalo, nin cualificalo do que realmente é, violencia de xénero, e que todo o mundo o dea por bo, familia incluída, todo o loitado ata aquí non serve de nada.
Unha vez máis, o foco púxose nas compensacións económicas, e sobre eso non me vou pronunciar; nin quero, nin debo, pero ante o realmente importante, ante un maltratador, un sádico, que acabou, coma tantos outros, coa vida dunha muller, do xeito máis salvaxe, todo o mundo cala e outorga.
Nada se dixo tampouco acerca de que medidas se van tomar, se é que se vai tomar algunha, sobre os pais de Francisco Javier, o asasino confeso, aos que pediu, despois de confesarlles que matara a Clara, que o axudaran a montarse unha coartada, ou, dito doutro xeito, para entendernos, por se a alguén aínda non lle quedou claro, que foran os seus cómplices, e que non dubidaron en mentir manifestando que o seu fillo, no momento do asasinato, se atopaba fora de Lugo.
Así as cousas, ante tan desalentador escenario, un escenario no que a violencia de xénero se ten relegada á categoría de delito menor, secundario, cando non ignorado por completo, creo que non é descabelado afirmar que a violencia machista non deixará de medrar, xa que é mellor, polo visto, seguir na dinámica de sempre, na da foto fácil, na de campaña electoral camuflada, na de facer reivindicacións que, ás veces, son calquera cousa agás lóxicas e si moi significativas da máis que manifesta ignorancia que, aínda a día de hoxe, existe acerca da auténtica realidade da violencia de xénero, das súas vítimas.
Unha ignorancia que non hai ningún interese en tentar paliar, porque, nin ninguén nace aprendido, nin ninguén sabe de todo, polo que, se hai vontade, todo ten arranxo.
O problema, o maior problema, que está facendo que a violencia machista estea máis asentada cada día, é que non hai vontade, porque non interesa, porque esta brutal lacra chegou a ser, para moitos e para moitas, un xeito moi doado de gañarse a vida, e xenerosamente, ademais.
En definitiva, no que a violencia de xénero atinxe, seguimos sen aprender, ou sen querer facelo, e mentres isto continúe sucedendo, pouco ou nada se pode facer para tentar paliala.
A gran pregunta é, existe realmente interese en facelo?
Asociación Si, hai saída