Antón Roel Villanueva
Aquelas festas da Peregrina
Agardabamos como auga de maio a chegada do mes de agosto cando as festas da Peregrina. Iamos dende o barrio da Virxe do Camiño cara á alameda, quedabamos nun recuncho a carón dos azulexos pintados por Carlos Sobrino de paisaxes pintorescos de Galicia que piden a berros unha boa restauración. Houbo un tempo que este lugar era un mirador privilexiado onde se aprezaba toda a beleza da ría, que agora coa ponte da autopista estragaron.
Velaí e vella e fermosa alameda de plataneiras centenarias e outras árbores, ateigada de xente por mor das festas que noutro tempo viron a persoeiros ilustres pasear da arriba abaixo. O arrecendo inconfundíbel do aceite de fritir churros e patacas, as nubes de algodón, as améndoas garrapiñadas, os postos de axóuxeres, as mazás de caramelo, os carruseis dos cabaliños de cartón pedra, a tómbola do cubo, as barracas de tiro con escopeta que todas tiñan o punto de mira torcido, os coches de choque onde escoitabamos as últimas novidades musicais, o zoco que formábase con todos os postos de marabillas do mundo onde a maioría eran peruanos, os xiantes e cabezudos, os pasarrúas dos gaiteiros, etc.
Diante das escaleiras da Deputación a carón da Bienal de Arte, aquel recuncho era a pista de baile cas verbenas coas mellores orquestras. Sentados agardabamos a chegada da estrela que viña do lonxano Seixo, John Balan e os Yanquis, cun traxe rechamante de cores e un sombreiro de cowboi era a figura e gañador daquela Operacion Triunfo. Lembro tamén un persoeiro entrañábel que a min se me asemellaba ao Melquiades de Cen Anos de Soedade de García Márquez. Todos os anos aparecía nas festas cun novo invento que a nós, os cativos, nos abraiaba. Un ano aparecía cun madeiro durísimo no que o premio consistía en cravar as puntas sen torcelas, outro ano puña no chan dous paquetes de tabaco e cunha pelota había que tirar os dous paquetes a un tempo, outro ano aparecía coa boneca Amparito que mellor e non dicir no que consistia o xogo, etc; pero o mellor era as historias que contaba.
Na baranda da alameda, sentadiños coas nosas nais cun cartucho de churros, mirabamos a entrada e saída dos touros, ali como unha pasarela de moda desfilaban para nós os pobres, os ricos e señoritos da boa vila, eles cun xaruto nos beizos e elas de mantilla e pamela. Tiñan que demostrar quen era quen na cidade naquel tempo, logo viña a procesión de San Roque ,a Volta Ciclista que sempre gañaba Angueira, a Batalla de Flores, a tirada de Fogos de Luces de Cores que reflectían na ría. Naquel tempo de pan de figo soñabamos con atopar o tesouro do noso pirata Benito Soto, que todos sabiamos que o escondera nun pozo da casa das Campàs pero ninguén se decidía a baixar a collelo, e aí segue.
Naquela alameda de nostalxias tamén desfilaban uns persoeiros entrañábeis que nos acompañaron na infancia e adolescencia, ali estaba coas mellores galas a Emperatriz Carmen Romero, Manilo, Neno, Manoplas, Matagusanos, Adonis a Xabalina, Ino, Ismael, etc. É unha mágoa ter unha alameda tan fermosa moitos dias do ano baleira ,cun palco de musica sen actividade tendo a cidade dúas bandas de música moi boas. Podíase darlle máis vida todo o ano e non só nas Festas e na Feira Franca. Concertos, monicreques, teatro, contacontos, exposicions de pintura, corais, cine a carón das estrelas, xogos populares, etc. Resumimdo: sacar a cultura á rúa. Boas festas de Peregrina a todos e todas.