Marta Rodríguez Engroba
Chega setembro, espertan as conciencias
E un ano máis, como xa vén sendo habitual, a nosa demanda caeu en saco roto e se fixo caso omiso dela, porque, neste país noso, se hai algo sagrado son as vacacións, e cando xa se albiscan, non se quere ver nin escoitar nada que poida chega a ser un atranco para elas, nin sequera se se trata de vidas.
Evidentemente, as vacacións son un dereito para todos, pero non se trata de espir un santo para vestir outro, se non de tentar deixar cubertos eses baleiros que se producen, e que representan un claro risco para as vidas de moitas mulleres e menores.
Este pasado venres, 26 de Agosto, ollo á data, algúns medios de comunicación recollían unha noticia cuxo titular reproduzo literalmente.
"A prisión por romper la orden de alejamiento en 23 ocasiones.
Los expertos en violencio de género alertan de que en los períodos vacacionales en los casos de maltrato se agravan las situaciones de peligro porque las víctimas pasan maś tiempo con el agresor"
Unha sisuda afirmación que ratifican, no transcurso da reportaxe, unha psicóloga especializada en acompañamento a vítimas de violencia de xénero e a directora xeral para a erradicación das violencias machistas da Generalitat, Laia Rosich.
Creo que, malia que non seguira adiante e non dixera nada máis, abondaría con isto para sacar conclusións, sempre e cando se queiran sacar, claro está, que iso xa é máis que dubidoso.
Vou comezar pola primeira parte desta noticia.
Como se pode entender e aínda menos xustificar que un individuo quebrante ata en 23 ocasións! unha orde de afastamento, máxime cando desde o pasado mes de Marzo se lle impuxo un dispositivo de localización con pulseira, dotado cun sistema GPS de control e seguimento por parte do centro de control policial, dispositivo que apareceu tirado na rúa e que aínda por riba se gaben da súa detención e a vendan coma se fose unha fazaña, como?
Que se supón que temos que facer? aplaudilos pola excelente protección que se lle prestou a esta muller, coma a tantas outras?
Porque non nos enganemos, este non é o único caso no que sucede algo así, nin moitísimo menos, e os que traballamos directamente coas vítimas sabémolo ben.
Sinxelamente, nesta ocasión transcendeu, algo que se gardan ben, pola conta que lles ten, de que suceda sempre que é posible, e para iso si que hai unión e coordinación, faltaría mais!
Como igualmente as hai para que o caso caiga no esquecemento e non se esixan responsabilidades.
Porque a prioridade non é que non volva suceder, como ben demostran os feitos, se non que non se saiba.
No que atinxe a segunda parte da noticia, a esa "alerta" dos expertos, non atopo palabras, porque non concibo, de verdade que non podo, que se teña a desvergoña, de vir agora, 29 de Agosto, é dicir, ao final do verán, falando de alertas e erixíndose en descubridores dunha realidade que, obviamente, non é ningunha novidade, pero que no momento no que procedería, antes do período vacacional, como, por outra banda, o resto do ano, se ignora e se finxe sistematicamente que non existe.
Menos mal que son expertos! A miña pregunta é, expertos en qué?, pregunta retórica, por suposto, porque a resposta é obvia: En utilizar a violencia de xénero sen pudor algún para o seu beneficio e ignorala cando non interesa "espremela", como é no verán, durante as vacacións, que nada nin ninguén poden perturbar.
Pero claro, as vacacións remataron, Setembro xa asoma a patiña, e chegou o momento de prepararse para o postureo, para saír nas fotos, para a organización deses grandes eventos nos que gastar os cartos desas xenerosas subvencións e seguir asegurándose os despachos e as cadeiras nos que tan ben se está, que imos cara a un outono e a un inverno moi duros, e non é cousa de poñer en risco os "chollos ", e a violencia machista o é, para moitos e para moitas.
De feito, cada vez para máis, e mais descaradamente.
Estas dúas noticias non son se non un clarísimo exemplo da importancia real que se lle está a dar a violencia de xénero no noso país, e da hipocrisía, da falsidade e dos intereses que se agochan detrás desa suposta loita contra ela.
Pero que ninguén se preocupe, que chega Setembro, e, coma cada ano, espertan as conciencias.
Asociación Si, hai saída