Antón Roel Villanueva
Nun amencer de lirios
Remata outro ano máis a campaña de limpeza do río dos Gafos unha laboura encomiable que levan a cabo os homes e mulleres da asociacion Vaipolorio denda hai vintedous anos, xentes das que dicia Galeano .Moita xente pequena en lugares pequenos facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo, hoxe quérome lembrar de dous deses homes xunto ás súas donas dos que representan o que e esta asociacion sen ánimo de lucro a que temos tanto que agradecer.
Dicia Bertolt Brecht: "hai persoas que loitan un dia e son boas, hai persoas que loitan un ano son mellores, e hainas que loitan toda unha vida. Esas son as imprescindibles". É o caso de Ramón Laxe e Victoria e Pablo Carro e Cristina, pioneiros dos que coidan do río a cotío, sabedores de todos os segredos que garda o Gafos, fonte de sabedoria popular de oficios e tradicións da que se nutriu o escritor Calros Solla para sua magnífica triloxia sobor do Gafos.
Todo canto queiramos coñecer sobre árbores, paxaros, peixes, sobre a riqueza do río; de tempo das colleitas; das historias dos muíños e lavadoiros, de facer un palleiro de coñecer os cogumelos do río, onde se atopa a mellor árbore para enxertar; todas as lendas e historias e fábulas do río gárdanna eles na súa memoria que sempre comparten con todos, non e estraño camiñar polas beiras do río e de súpeto atoparse cunha caterva de cativos dunha escola abraiados cas lendas e historias de meigas e bruxas que contan Pablo e Ramón, aínda que sei que a eles non lles gosta que se individualice unha laboura colectiva de moitos.
Moito antes dese organizar como asociacion Vaipolorio moitos homes e mulleres como Pablo e Cristina e Ramos e Victoria bulindo dun lado a outro tratando ao rio con agarimo pois sabian da importancia de coidalo pola riqueza que noutro tempo lles deu eles xunto a outros moitos que xa non están, foron xérmolo do que è e representa e fai a asociacón, Visitas guiadas polo río, noite de Morcegos, noite dos Calacús, limpeza do río, retirada de árbores caídas, reparación de pontes de madeira, de muíños, etc; calquera actividade que supoña unha mellora do río sempre atoparedes homes e mulleres de Vaipolorio que protexen e limpan o río que outros emporcamos a cotío.
Baixa cativo o río grande das sete enchentas sen lixo, arestora asemella máis a un regato pequeno que dicía Rosalía de Castro, con pouca auga por solidaridade cos outros ríos da Galiza por mor da seca, pero aínda ten folgos e auga para dar de beber a xílgaros, paporrubios, merlos, xoaniñas, avelaiñas, bolboretas, morcegos, etc... e regar os narcisos lirios e flores, aínda sobreviven algúns peixes e toda a fauna e flora que vive ao seu carón, e da frescor nos dias da calor a paseantes e peregrinos que camiñan polas súas beiras agradecidos.
Namentras na ponla dun Bidueiro o cuco vixía os camiños e séntese seguro cando ve aperecer os homes e mulleres de Vaipolorio e canta o merlo feliz e todos os que viven na súa contorna séntense seguros cando aparecen coas ferramentas e traxes de auga a coidar o río.