Marta Rodríguez Engroba
Menos mal que nos apoiamos unhas ás outras!
Facer diante delas a menor alusión ou amosar preocupación polo físico é sentenciarte para os restos, o mesmo que non aceptar o seu código estético, que é outro dos moitos que teñen.
Isto é algo que eu padecín, e aínda padezo en carne propia practicamente durante toda a vida, pero especialmente desde que naceu Si, hai saída, porque, polo visto, a miña actividade é incompatible con vestir ben, dentro das miñas posibilidades, ou que me guste amañarme, o mesmo, todo hai que dicilo, que as miñas compañeiras, o cal xa riza o rizo e nos converte nunha panda de "pijas" inútiles para as "gurús" do "pseudofeminismo".
O noso traballo é o de menos.
O que conta, polo que se ve, é que non abrazamos determinado "look", do que non vou opinar, entre outras cousas, porque non me importa un pemento, as cousas como son.
Curiosamente, moitas desas mulleres, a maioría, de feito, son as que máis falan de sororidade, de cousificación da muller, do moito que nos apoiamos unhas ás outras... (aquí é onde me sae, sen poder remedialo, a risa frouxa!), e do inxusto dunha sociedade machista que nos impón ás mulleres estar sempre perfectas, algo isto último moi certo, e, lembrándome de todo isto, debido a algo que me está a suceder desde hai unha tempada, non puiden evitar o desexo de compartilo, porque resulta, como mínimo, curioso.
O último ano non está a ser doado para min por diversas circunstancias.
Moi poucos sábeno, porque non son nada proclive a contar a miña vida, por máis que algúns pensen o contrario, confundindo locuacidade, que desa recoñezo que me sobra, con non salvagardar a privacidade, algo que para min é prioritario.
O certo é que, como ben di o refrán, "O mal e o ben na cara se ven", e, cando un está a pasalo regular, e máis se é durante un tempo prolongado, loxicamente, acaba por evidenciarse, en maior ou menor grao, no aspecto físico, non sendo eu, evidentemente, a excepción.
A isto hai que engadirlle, obviamente, o paso do tempo, que vai deixando as súas pegadas, ía dicir que como en todo o mundo, pero non, vou recuar, porque estou chegando á conclusión de que hai quen ten o convencemento de que é inmune a esta lei natural.
Tampouco durante estes últimos meses fixen moita vida social, porque non me atopaba con demasiadas ganas, polo que as miñas saídas, agás en contadas ocasións, se limitaron ao traxecto casa-traballo, traballo-casa, que é, por certo, curto, polo que non se me viu apenas.
Pero chegou un momento no que a vida cotián, as obrigas laborais, etc, etc, impuxeron unha volta a certa "normalidade", e a deixarme ver de novo con mais frecuencia, e aquí comeza o bo!
Na miña cidade, saír a rúa equivale a atoparte coa metade dunha poboación na que a maioría nos coñecemos, coa que che apetece e coa que non, e claro, comezaron os encontros, tamén con algunhas desas mulleres que tanto falan de feminismo, de sororidade... vamos, das que case te felicitan se non te tingues, nin te maquillas, e xa non digamos se non te depilas... nese caso, es o máis!!!.
E,cos encontros, comezaron os comentarios, ademais de "agarimosos", claramente "feministas", como "Hai que ver o que engordaches...!", "Uffff... que mala cara tes!", "Que branca estás"!", "Vaia olleiras que levas...!", etc, etc, etc... todo isto nun ton o suficientemente alto como para asegurarse de ser escoitadas en varias rúas á redonda, non fora ser o demo que alguén non se decatara, e acompañado de bos consellos, no mesmo ton, por suposto, como "Ten coidado co que comes!", coma se estivese emulando a Pantagruel, "Tes que tomar o sol", ou "Igual poderías maquillarte un pouco máis", mentres me miraban detidamente de arriba abaixo, e de abaixo arriba, supoño que coidando de non pasar por alto ningún "estrago".
Máis interesante aínda se pon o conto cando estas "amigas" van acompañadas dalgunha das súas colegas, que imitan o seu repaso visual cun medio sorriso que a duras penas poden conter, e unha expresión que semella ser o anuncio de que, en nada, van soltar aquela exclamación que, hai anos, fixera famosa unha participante do primeiro "reality" que acadou milleiros de espectadores no noso país, aquel mítico "Jó-de-te!", con perdón.
E así un día tras outro. De feito, varias veces no día.
Nin sequera cando comezo a sentirme francamente incómoda e se fai evidente que tento dar por rematada a "conversa" son quen de frear a súa "diarrea dialéctica", amosando, ademais dunha pésima educación, ser tremendamente imprudentes, porque se, segundo elas, tan mal aspecto teño, pode ser debido a moitas causas, desde un problema persoal ata unha cuestión de saúde, por exemplo, pero, paradoxicamente, ningunha delas me preguntou en ningún momento se me atopo ben. O único que lles preocupa e pasarme a ITV da "fachada".
Vaia por diante que a min, francamente, o que esas "señoras" opinen ou deixen de opinar sobre o meu físico me trae absolutamente ao pairo, as cousas como son, e que toda a vida fun das que, se eu me atopo ben, abonda, xa me poden dicir misa, e o mesmo se me atopo mal, pero se algo non soporto son esas olladas escrutadoras, coma se foses unha mercadoría, tanto se son para criticarme como para dicirme que estou estupenda, e menos aínda se proceden daquelas que predican xustamente o contrario, pero si que hai persoas ás que este tipo de comentarios lles afectan, e segundo e en que circunstancias, poden chegar a facerlles moito dano, sen decatarse de que, o único que están a facer as que están a soltar o seu lixo pola boca é proxectar as propias inseguridades.
Resulta, por certo, enormemente curioso que unha grande maioría desas "feministas acérrimas" que tanto se preocupan polo meu físico, e que tanto criticaron sempre a miña aparencia, pouco a pouco se foron, unha de dúas, "achanelando", termo que si, é da miña colleita e unha alusión ao look que fixo famoso Coco Chanel (as pijas descerebradas podemos permitirnos utlizar "palabros" coma este!) ou ben adquirindo unha apariencia de "hippie - enxebre" (cualificativo que tamén me inventei e que sei que lle fai moita graza a un amigo meu), incorporando ao seu vestiario, que van mudando pouco a pouco e que se vai parecendo cada vez máis ao que tanto criticaron en min, elementos cada vez máis caros, mentres eu sigo fiel ao low cost, basicamente porque non me podo permitir abandonalo, pero tentando simular que seguen mantendo o seu estilo "pseudofeminista".
Teño que dicir, e ben alto, ademais, que falta o primeiro home, e mirade que trato cuns cantos, que amosara tal falta de educación e se expresara en tales termos, e cegos non serán, digo eu!
Non quero despedirme sen compartir esta vez unha boa nova: Esta mesma mañá atopeime cunha destas "benintencionadas amigas" e díxome, "Vas moi guapa. Por fin semella que volves ser ti!"... Uffff... non vexades que alivio sinto!
Menos mal que entre nós, as mulleres, nos apoiamos unhas ás outras, sobre todo algunhas, non si?
Asociación Si, hai saída