Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora
Ethel Vázquez non descarta prevaricar coa ampliación da EDAR
A veciñanza de Lourizán congratuláse de que a Xunta anuncie que a EDAR dos Praceres "funciona correctamente" e acorde á "norma europea". Desde a Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora xa renunciamos á facer alegacións contra o proxecto de mellora da EDAR, pois entendiamos que había un problema co saneamento e que estas obras podían axudar a atopar solucións a curto prazo.
Tamén sinalamos que eran necesarias actuacións urxentes nos "puntos negros" da rede de saneamento (Río Lameiriña, Rúa Lameira, Cocheras, etc) que pouco a pouco se van facendo. O que si rexeitamos totalmente desde o principio foi á proposta de ampliación, porque triplicar a EDAR actual era "matar moscas a cañonazos". Por iso comprobamos agora con preocupación que a conselleira, Ethel Vázquez, aínda non a descartara, facendo referencia a ela.
Máis alá do dano para a parroquia e para a veciñanza, a ampliación da EDAR é contraria á lei. Iría contra a Lei de Costas, posto que se trata"de instalaciones que pola súa naturaleza non podan ter outra ubicación". Igualiño que Ence. E tamén vai contra a Lei de Cambio Climático, ao situarse nun recheo do DPMT, nunha cota de 0 m.s.n.m., que é inundable en caso de subida do nivel do mar polos efectos do cambio climático.
A conselleira sábeo, por iso non entendemos que non descarte definitivamente un proxecto ilegal. E ela estaría cometendo prevaricación, pois non pode dicir que non era a sabendas. Quedémonos con que a EDAR "funciona correctamente" e acorde á "norma europea" e que enterre esa"aberración" de proxecto para sempre.
Pola nosa parte estamos a esperar a que se coñeza a sentenza do TS sobre a prórroga de Ence. Dita sentenza non pode ser outra que confirmar a da AN, que declaraba ilegal a prórroga (a non ser que aos xuíces do TS se lles dea por facer política, que tamén pode ser). E esperamos que Ethel Vázquez dimita ao día seguinte de que se faga pública.
A Conselleira Vázquez abandonou a responsabilidade e a prudencia que se lle presupón a calquera responsable político, negando en todo momento a posibilidade de que ENCE se tivera que ir de Lourizán, un escenario que era e segue a ser probable, ou cando menos posible, o que debera ser suficiente para telo en conta, e gastando máis de 10 millóns de euros nun novo emisario, para regalarlle o vello emisario a Ence. Se Ence se vai, se confirmará que non era necesario construír un novo emisario, de millóns de euros, tal como sinalabamos nas nosas alegacións.
Chegado o día, Vázquez deberá explicar que se fai co vello emisario. Se queda de adorno ou que. E terá que dimitir. Por decencia democrática.