Marta Rodríguez Engroba
Xa abonda de maquillaxe!
"Interior alertará a víctimas de violencia de género si sus agresores son reincidentes".
Este aparentemente alentador titular, impulsado polo Ministerio de Interior, aparecía na prensa hai apenas dous días, tentando, supoñemos, convencernos de que, desde os eidos competentes, se están a tomar medidas ante esta masacre feminicida que estamos a sufrir ou que, a lo menos, o semelle.
Deixando aparte por un momento o gravísimo e inxustificable feito de que fose preciso chegar a tal punto de violencia, de asasinatos machistas, de nenos e nenas orfos de nai, ou mesmo tamén asasinados, para que se albisque unha mínima intención de tentar mudar o que non se está a facer ben, que, moito nos tememos, non vai pasar disto, a pouco que un se tome a molestia de continuar a lectura mais alá do titular e ler, entre liñas, o que tratan de agochar tras unha redacción moi coidadosa, que aos que vivimos a violencia de xénero moi de preto cada día non nos convence en absoluto, podemos comprobar que esas medidas non son senón un parche máis, unha capa máis de maquillaxe coa que se pretende tapar unha ferida moi profunda, sen querer abordar, como sería imprescindible, unha cirurxía urxente e radical, algo do que, desde Si, hai saída, levamos alertando hai anos, e que hai meses lle trasladamos ao ministro do interior, Fernando G. Marlaska, nun escrito no que lle aportamos datos e feitos moi concretos, escrito, por certo, que foi respondido cunha cortesía exquisita, pero sen adquirir o compromiso que nos solicitabamos, e seguiremos facendo unha e outra vez, cantas sexa preciso, de revisar o sistema policial e acometer os cambios imprescindibles para situar a cada membro das FCSE no sitio que lle corresponda para dar o mellor de si, sen expoñer as vítimas de violencia de xénero a máis perigo do que xa corren pola súa propia situación persoal.
Para comezar, soamente se poderá avisar a muller no caso de que os policías detecten un novo caso de violencia de xénero por parte das súas parellas ou ex parellas cando o agresor teña antecedentes no sistema VioGén cunha antigüedade de ata 5 anos... Sen comentarios.
Se ve que, sexa cal sexa o grao de salvaxismo, de agresividade dese individuo, a partir do quinto ano desaparece, ou se desactiva... ou se redimiu, que tamén pode ser!
Ao mellor, tantas concentracións de repulsa, tantos minutos de silencio, e tantas fotos obraron, por fin, o milagre.
Xa, de postos a montarnos películas, imos facer que nos cremos que un maltratador pode deixar de selo, e mesmo lle poñemos prazo ao seu "cese” como tal: 5 anos.
Para rematar a xogada, quedan excluídos aqueles casos prescritos, con sentenza absolutoria, ou con auto de sobresemento.
Máis do mesmo.
Por unha banda, se ve que a maldade tamén prescribe, polo que a partir de determinada data, un maltratador se fai bo, e, en canto a sentencia absolutoria ou sobresida, é de traca que non se teña en conta, desde o propio ministerio, que isto pode suceder por moitos motivos, como pode ser a dificultade da vítima para aportar probas tanxibles, xa que de todos é sabido, ou debería selo, que a violencia de xénero é un delito que, habitualmente, é cometido de portas adentro, ás agochadas, ou que a valoración de risco feita no momento da denuncia non sexa correcta, sen que isto implique que o agresor é menos perigoso e, porén, o risco que corre a muller, menor.
De feito, sucede todo o contrario, xa que o seu maltratador, sabéndose denunciado, e impune, vai ser aínda mais agresivo, polo que, nesa circunstancia, a necesidade da vítima de ser protexida é aínda máis imperiosa se cabe.
A guinda da torta pona o seguinte, e reproduzo tal cal:
"La alerta se formalizará previa evaluación policial caso por caso, no de manera automatizada o generalizada, y siempre que la información sea determinante para la protección de la vida de la mujer víctima de malos tratos o para menores dependientes de ella".
Agora imos a dicilo claramente, sen unha redacción tan "florida” que nos distraia do que isto significa realmente, e que nos leva, unha vez máis, aos intocables, ao tema tabú que non se pode nin mentar.
Serán os policías, entendemos que os mesmos designados exclusivamente por méritos policiais as Ufam, os encargados de levar a cabo esa evaluación.
O que nos faltaba!
Se non estabamos ben, agora xa imos, directamente, a converter a seguridade das vítimas nun temerario remedo do xogo da ruleta rusa.
Algunha será mais afortunada, porque a avaliación do seu caso pode caer nas mans dun policía que a faga de xeito coherente e obxectivo, que "rasque”, se é preciso, un pouco máis sen limitarse a quedarse co máis obvio, que, en moitas ocasións non é máis que a punta do iceberg, e que teña a sensibilidade suficiente como para entender que mesmo a versión da propia vítima, asustada, nerviosa, esgotada, moitas veces mesmo con feridas froito dunha agresión física, pode non reflectir o perigo real que corre.
Pero, por desgraza, o caso doutras poderá ser avaliado por uns policías machistas, con cero empatía, ou que, e isto tamén sucede, eles mesmos maltraten as súas parellas, e isto non é nada inventado, isto ocorre na vida real, co cal a vítima está total e absolutamente vendida.
E que sucede se o agresor é un "D. Talito” deses importantes, mesmo coñecido públicamente, cuxa reputación non pode ter mácula ningunha, malia que sexan moitos e moitas os que saiban que a realidade non pode ser mais diferente?
Pode existir un policía ao que lle traia sen coidado, pero o que xa é máis que probable é que, desde arriba, desde instancias máis altas, se lle diga que caladiño está máis guapo, e que non hai perigo ningún para a vítima, que case seguro mentiu no seu momento para quitarlle todo canto lle sexa posible, por celos, ou polo que sexa, pero que, en todo caso, o que compre é gardar silencio e a outra cousa.
E son eles ou elas os que deban decidir se esa información pode ser determinante para a vida da muller e para os nenos e nenas dependentes dela.
Case nada.
E non estamos, repito, a falar de supostos, senón de situacións reais que se dan cada día, pero das que non interesa falar, nin permitir que ninguén o faga.
Conclusión, unha vez máis nos están a vender fume, a tentar distraer a atención da verdadeira raíz do problema, que non interesa tocar, nin por parte, por suposto, das institucións, nin por parte deses colectivos que se manifestan unha e outra vez, pero que tamén eluden esa faceta do problema, malia ser a máis importante.
Se hai que culpar a alguén, sempre é mais doado trasladar a culpa á xustiza, así, en abstracto, ou aos xuíces, que, agás do asasinato de Kennedy, semella que teñen a culpa de todo, ata do que non chegan a decatarse porque non se lles conta.
De novo botouse unha capa de maquillaxe sobre a tremenda lacra da violencia de xénero, e, de novo, o maquillaxe acabará por gretarse, por ir borrándose, por máis que nos prometan que é a proba de todo.
E disto, de maquillaxe aplicado capa sobre capa, pero que xa cubre pouco e mal, xa abonda.
Asociación Si, hai saida