Antón Roel Villanueva
O Café Moderno
Saíamos da vella biblioteca, un fermoso edificio con duas esfinxes que afortunadamente ainda permanece, íamos cos libros de prestado pola Alameda a caròn dos debuxos de Sobrino, camiño do Cafe Moderno, que naquel tempo de escuridade era o noso café Gijón de tertulias e encontros xunto ao Savoy e o Carabela, o triangulo maxico de cultura e ocio daquela cidade triste e gris do tempo do pan de figo.
Xa do vello café Carabela de antaño non queda nada, non están os magníficos debuxos de Conde Corbal, nin as mesas cos debuxos de carabelas de Zacarias Castro onde nas servilletas faciamos poemas ao vento. Tampouco está Eloy, o entrañabel camareiro que ao igual que Pepe, o do Moderno, e Paquito, o do Savoy, camareiros de sempre que -como na novela A Colmena de Cela - fiábanos os cafés con leite cando non tiñamos cartos. Tamén remodelaron o Savoy, xa non está o mural do pintor Ruibal das escaleiras, nin a fiestra que facía de venda de entradas para os touros, obras de teatro e partidos de Pasarón e cando non había espectáculos era onde tiña a tertulia o escritor Cuña Novás, tampouco está Carlitos, o limpabotas que soñaba con ser toreiro.
Todo xa só fica na nosa memoria. Os novos donos deses locais entrañables para nos quixeron darlle outros usos para novos tempos. Por iso levamos unha alegría enorme cando volve o Cafe Moderno a ser como era un café de tertulia de encontros rodeados de murais e óleos de afamados pintores onde noutro tempo tiveron tertulia Castelao, Ramón Cabanillas, Casares e Alexandre Bóveda e tamén estivo Lorca, e sentadiña nunha mesa Carmen Romero, a nosa Emperatriz, como unha moderna Penélope agardaba un amor que nunca chegou.
No noso tempo era un espazo de ocio e cultura. Lembro que despois de saír do instituto era o lugar de reunión das pandillas nos longos días da invernia. Pasabamos as tardes alí, tiña todo tipo se xogos, xadrez, dameiros, futbolín, mesas de billar e unha vella máquina de discos onde metiamos unha moedas, premiamos un botón e a maxia da música, traíanos as novidades musicais do mundo alí foi onde escoitamos por primeira vez a Bob Dylan, a Jethro Tull, a Jinmi Hendrix, e os Creedence, pasamos de querer ser poetas a roqueiros, namorámonos de Janis Joplin e Joan Baez. Axiña chegaba o futuro.
Florece de novo o edificio levantado por un indiano ao principio do século vinte, igual cos magnolios da entrada, axiña no baixo instalouse un café, que foi referente para moitas xeneracións de galeguistas, naquel lugar entrañabel da nosa infancia onde un día estreouse o cinematógrafo... nós soñabamos con unha revolución de caraveis nos soños rotos de adolescencia.
Mil primaveras máis para o renacido Café Moderno, unha Cafebrería como chaman en Mexico a os cafés librería, oxalá perdure moito tempo un referente na nosa cidade e en Galicia da cultura galega. Noraboa á nova dirección