Antón Roel Villanueva
Derrubar muros para crear beleza
Atópome cun amigo fotógrafo que traballa fóra e que está na cidade para facer unha serie de fotografías da zona vella. Quedamos no abrente dunha mañá solleira, no tempo das cereixas, á beira da Basílica de Santa María.
Enseguida dámonos conta da beleza da fronte, obra de Cornelius de Holanda.
É difícil fotografala en todo o seu esplendor por culpa do muro á beira das escaleiras e comenta que ese muro é un engadido que se podería derrubar e poñer en valor a magnitude da fachada central que é o máis fermoso.
Só habería que levantar a muralla medieval como xa se fixo nun tramo que deu visibilidade ás casiñas da contorna da Basílica.
Sempre me sorprendeu como na maioría das catedrais non se pode acceder pola porta principal.
Pensamos que no final das escaleiras se podería facer unha praciña que entronque coa rúa Xan Guillerme e facer peonil a rúa Arcebispo Malvar recuperando e poñendo en valor o que queda da Moureira de Arriba, e que se puidese acceder á Basílica pola porta principal non por un lateral como agora, eliminar as reixas que agora sen a movida non teñen razón de ser, ao haber máis xente ao entrar e saír estaría máis protexida de posibles ultraxes.
É unha pena que unha fachada tan fermosa agora pase case desapercibida ao acceder os fregueses e visitantes por un lateral da Basílica perdéndose o máis fermoso, que é a fachada principal.
Agora que parece que se vai a urbanizar a chamada Finca do Teucro sería o momento de poñer en valor unha contorna da cidade esquecida e degradada como son as tres Moureiras.
Na Alta hai unha praciña chamada Cornelius de Holanda que aínda cheira a salitre, con dúas árbores pedindo a berros unha boa poda e coidados, sen bancos nin luz pero chea de autos.
Tamén preto de alí na rúa da Fonte da Moureira outra praciña chea de autos.
Igual ocorre nas rúas do Ouro, Benito Soto, Pilar Bertola, do Urco, etc.
Afortunadamente aínda quedan casiñas con arcos de soportais para gorecerse da choiva e con patín, fermosísimas pero pedindo ser restauradas.
Unha contorna para moita xente esquecida e que teriamos que promocionar e poñer en valor como testemuño de memoria histórica doutro tempo, de cando a xente non daba as costas ao mar por onde entraba toda a riqueza para a vila que foi o xérmolo do que agora é cidade.
Cando o Gremio de Mareantes e a Confraría do Corpo Santo pensou en facer unha igrexa era para que os mariñeiros ao arribar ao peirao o primeiro que visen fose a Basílica, como un faro que os leva a bo porto como fan os paíños que guían aos mariñeiros e gorécelles nos temporais.
Agora, cando se deixou construír na costa edificios máis altos que a igrexa, iso perdeuse e volvemos darlle as costas ao mar.
Pontevedra no medievo foi a cidade máis importante de Galicia, sobre todo pola industria da salgadura da sardiña. Toda a riqueza entraba pola Moureira de Abaixo, Moureira de Arriba e da Barca.
Aínda se poden atopar restos dos almacéns da salgadura como o da Galera que habería que restaurar e conservar como testemuño e memoria industrial doutra época de esplendor das Moureiras.