Teresa Casal
Lembranzas: A paridade real moi lonxe da legal
No ano 2007, O PsdeG presentaba os seus cabezas de lista para as sete cidades en Santiago. Había seis homes e unha soa muller, a que escribe estas liñas. Cada un dos candidatos tiñamos uns minutos para falar e eu comecei miña intervención dicindo que estaba encantada de estar alí acompañada por un ramallete de fermosos cabaleiros Eu non puiden ver as caras dos meus compañeiros xa que estaban sentados as miñas costas, pero si vin as dos homes e mulleres que formaban o público, elas aplaudiron a rabiar e riron con ganas, eles puxéronse un chisco serios. Agora que o escribo se me ocorre pensar que ao mellor meu declive dentro do partido comezou nese mesmo intre.
A vista das listas que se presentan as eleccións galegas o 21 O, vexo que as cousas están peor que antes, dende o punto de vista da paridade real entre homes e mulleres nos partidos políticos. Ningún dos tres grandes partidos de Galicia, nin dos escindidos, arrexuntados, recreados ou desternillados que se presentan as eleccións, teñen unha cara feminina na cabeceira da lista.
A única razón que se me ocorre para isto é que tamén nos órganos de decisión dos partidos a presenza, ou mellor dito, o poder da muller segue a ser irrelevante. E para min está bastante claro que a confección das listas electorais dista moito de ser un proceso democrático de abaixo arriba. Digan o que digan, todos os partidos políticos fan as súas listas de arriba abaixo, e os elixidos o son por razóns que pouco teñen que ver coa capacidade, a preparación ou os apoios entre a xente da rúa. Vale bastante máis ser apoiado por alguén que teña poder dentro do partido, que por un milleiro de militantes e simpatizantes.
Cando se empezou a falar da cota feminina, a min non me gustaba, tiña, aínda esa inxenuidade que facíame pensar que si vales para algo é indiferente que sexas home e muller, logo aprendín que grazas as cotas descubríronse moitas valiosísimas mulleres. Porque hai algo que tamén teño moi claro á muller non se lle supón a valía, ten que demostrala, por iso moitas das que entraron por cota reveláronse como boas políticas e xestoras e entón se lles deu a credencial. Pero cando os postos a repartir mingúan, non hai sitio para todos, entón segue a prevalecer a condición masculina, e teño que recoñecer que os homes son moi solidarios con eles mesmos, chegados a eses extremos.
De pouco vale que as leis decreten a igualdade e a paridade entre homes e mulleres si a realidade empéñase en demostrarnos todo o contrario. Só a vontade de uns e outros fará posible converter o papel das leis en vida cotián. E, namentres, teremos que seguir a loita, xa bastante longa, por uns dereitos que me lembran os que recolle a Constitución española: dereito a unha vivenda digna, dereito ó traballo cando as condición o permitan ¿non SI?