Andrés Núñez Rajoy
Que pasa no campo? e II. A PAC, Europa, España e Galicia
Expuxen no artigo anterior, un pouco como xa xeraron as políticas agrarias arredor da OMC. Agora compre saber como estamos nós e que se pode facer. A PAC xorde nos anos 50 nun contexto de escaseza de alimentos a causa da II Guerra Mundial, así os fundadores da UE o primeiro que queren é que haxa alimentos abundantes e baratos, faise unha política moi intervencionista. Nos anos 60 empezan as medidas de intervención. Faise outra reforma da PAC no ano 1992 (Reforma McSharry), comeza a transición entre as axudas ligadas á produción e os pagos por ha (hectárea) ou UGM (Unidade de Gando Maior= 1 vaca). Entran os Países da Europa Central e Oriental (PECO), establécese outra reforma a Axenda 2000 e aplícase a política neoliberal da OMC, fomentando a competitividade. No 2003 establécese o Pago Único establecendo dereitos de axuda en base a axudas recibidas nunha data, son independentes da produción. No 2008 ven o Chequeo Médico incorporando novos subsectores agrícolas e gandeiros, redúcense as axudas acopladas. Xa no 2013 a nova reforma encamíñase cara aspectos medioambientais, o "greening" cara unha PAC máis sostible. E última reforma 2023-2027 que vai cara unha agricultura máis verde, con máis esixencias en uso de fitosanitarios, zoosanitarios, benestar animal, labranza, medio ambiente e o clima.
De entrada toda esta música sona moi ben. Os obxectivos que marca a nova PAC van encamiñados a conseguir uns alimentos máis sans para a cidadanía. Entón, como é que os agricultores se están manifestando? Empezaron os movementos en Francia (onde os seus agricultores foron os máis beneficiados, con diferencia, da PAC) . Nos inicio da UE, como xa contamos antes, contou con grandes axudas para "alimentar Europa". Así agricultura francesa, e, europea (case toda ou a maioría) é unha actividade capitalista, moi industrializada e moi concentrada. Ata os s 90 o sector agrícola europeo era dos sectores máis produtivos, moita produción e prezos alcanzables para os consumidores. Mais as produción comezan a estancarse, o campo xa non dá máis de si. Hai un documento da Cámaras Agrarias de Francia onde se reflicten os problemas de productividade (https://chambres-agriculture.fr/ Productivité de l’agriculture française en panne : quels impacts dans la filière agrolimentaire? Entran na cadea de usar máis de todo fertilizantes, pesticidas, mecanización e intensificación, levando que se destrúen ecosistemas e contribúese ao cambio climático. Pasa en toda Europa, por iso me preocupou o comportamento dos determinados agricultores, empurrados pola extrema dereita na que pedían unha protección só para as súas produción, e iso non é nin máis nin menos que rachar a solidariedade europea, e mesmo poñer en cuestión a UE.
En España temos moitas e diversas agriculturas que levaron unha forte reconversión desde a entrada na UE, e que vista no paso do tempo non se ven reflectidas nas rendas (non como no caso francés). O reparto dos ingresos pola venda dos seus produtos vese moi desigual ao longo da cadea alimentaria, a diferencia entre o prezo entre o agricultor e o consumidor é inmenso. Cada vez increméntanse os custes e baixan os ingresos, faise difícil a supervivencia. En España a estrutura produtiva ten dúas caras, no caso agrario a metade son pequenas e medianas explotacións e a outra metade son grandes explotacións, no caso da gandería cada vez desaparecen máis explotacións e as que quedan cada vez son máis grandes. Non se pode ocultar que en España e Portugal hai grandes fondos de inversión mercando fincas rústicas para poñer a producir grandes superficies e ofertar a prezos máis baratos. Tamén na gandería xorden a granxas XXXL, granxas moi grandes, con máis de 3.000 cabezas, e producen carne ou leite en sistema intensivo, provocado abaratamento de prezos e, impacto ambiental debido ao grande consumo de auga e de residuos . Máis controis burocráticos (caderno dixital), normas case imposibles de manter, prezo alto dos gasóleo e de fertilizantes e incumprimento da Lei da cadea alimentaria que xunto aos acordos de Tratados de libre comercio , que fomenta a OMC, fai que a agricultura europea corra perigo por non haber cláusulas espello na que se lle pidan as mesmas condicións de produción e respecto ambiental que aos agricultores europeos. Porén tamén debemos ser realistas e ver que moitas das culpas tamén as teñen as empresas españolas e europeas que xa teñen os seus centros de produción alí, como é o caso de Marrocos. Na zona de Agadir, no val do río Souss, nos arredores de Biougra, na rexión de Marrakech na chaira de Haouz, ou en Fez, Meknès e El Tadla, xa parecen Roquetas de Mar ou El Ejido almerienses e zonas cítricas levantinas. Se a todo isto lle xuntamos os acordos de Mercosur, o CETA (Acordo Económico e Comercial Global entre UE e Canadá), acordos con Vietnam, Exipto, etc. con normas máis vantaxosas na produción xa comeza o problema.
E Galicia que? So poucas as persoas galegas que non estea emparentadas co agro. Así que algo sabemos diso, e a algúns tócanos moi de preto. Os aspectos que reflicten esta crise non son novos en Galicia, por desgraza. No ano 1989 había en Galicia 360.000 explotacións agrarias, no ano 2009 andaban arredor de 81.000 explotacións e agora andamos sobre as 65.000. A reconversión no campo galego foi moi grande, e aínda que desaparecen explotacións, as que quedan aumentan de superficie. Vivimos procesos de competencia desleal en moitas producións, nos anos 80 co amorodo coa competencia dos de Huelva, nos 90 na flor cortada coas importacións de flor de Colombia, Ecuador e Kenia, vía Paises Baixos. A pataca lavada francesa, que parece pataca nova, competindo coa galega porque así o quere a distribución. A gandería galega aporta o 40% da produción de leite ao Estado, e porén os intermediarios do leite, do Estado, estiveron pagando o prezo do leite por debaixo do custe formando un "cartel" aos galegos e pagándolle máis aos do resto de España ou aos franceses, como se demostra coa sentencia, de hai uns días, da Audiencia Nacional do xuízo interposto no ano 2011 polo sindicato Unións Agrarias e que despois de varios recursos acabou dicindo que o "cartel" do leite existía (https://www.eldiario.es/economia/audiencia-nacional-confirma-cartel-leche-multas-pascual-central-lechera-galicia-lactalis-nestle_1_10947404.html) e que se poñían de acordo para os prezos.
Aínda así e todo, a pesar do desleixo do Goberno do Estado e a inacción do Goberno Galego, a gandería e agricultura galega é, de todas as europeas, a que mellor se foi adaptando as normativas europeas de facer unha agricultura máis sustentable e unhas producións máis sas para os consumidores, que non é nin máis nin menos o que sempre caracterizou á nosa agricultura, porén ademais de pelexar cos prezos baixos e custos caros si lles incrementamos novas esixencias estamos levando a moitas explotacións ao peche. A agricultura e gandería galegas teñen futuro se teñen uns prezos xustos e unha tramitación axeitada, pero para iso, e ao meu entender, deben darse unhas cantas condicións:
-
Cumprimento da Lei de Calidade Alimentaria incorporando as ferramentas e persoal necesario. É moi importante que se faga a figura do mediador de negociación dos contratos e a posta en marcha, sen demora, do Observatorio de Prezos e de Custos para eliminar a especulación coas producións agrarias e gandeiras.
-
Adaptar os "ecoesquemas" a realidade galega.
-
Rebaixar o traballo burocrático asfixiante, que levaría implícito a eliminación do caderno dixital, retocar o Decreto de Fertilización Sostible dos solos, e a Xunta a comprometerse a que cada nas explotacións ás que lles toque inspección de control só teñan unha inspección ao ano, e non como agora que na mesma explotación chegar a ter ata catro inspeccións, cando non é dunha cousa é de outra.
-
Recuperar terra agraria e protexela. As explotacións galegas teñen necesidade de superficie suficiente para ser máis rendibles nos derradeiros anos, ca política agraria da Xunta, estivéronse forestando, nomeadamente con eucalipto, terras agrarias.
-
Incremento dos importes para manter as axudas ás producións ecolóxicas
-
A realidade galega dinos que os pagos, cunha PAC dunha agricultura máis sostible, debería facerse en funcións das persoas, de onde viven, do que conservan e non en función da superficie. Non se pode falar de "lugares baleiros" e logo lexislar con burocracia.
Quería facer alusión a unhas pancartas que vin nesas manifestacións e que pedían a "caza do lobo". Temos que convivir coa fauna salvaxe (lobo, xabarín e outros) e a Administración debe comprometerse a remunerar os danos da fauna salvaxe con axilidade, contemplando mesmo o lucro cesante no caso de perdas de todo o gando.
Para rematar dicir que aínda que falemos de agricultura e gandería tamén cousa de todos, todos somos consumidores, todos debemos mirar o que mercamos, eu paseeime esta semana por varios supermercados e nalgúns case non había produtos españois, xa non digo galegos, as hortalizas eran, nun 90%, de fóra. Os consumidores podemos facer moito polos agricultores. Nas nosas mans tamén está.