Marta Rodríguez Engroba
Se reclamamos igualdade, que sexa de verdade
Vimos de coñecer, nesta semana que remata, a remuda que Rueda fixo na Xunta de Galicia, a cal, implicou, entre outros cambios, a desaparición da Secretaría Xeral de Igualdade, e a creación de dous departamentos que a substituirán, co nomeamento das dúas persoas que os dirixirán, que serán María Quintiana, como directora xeral de Promoción de Igualdade e Roberto Barba, como director xeral da loita contra a Violencia de Xénero, e ao deste último é ao que me quero referir, xa que foron moitas as voces que se elevaron para expresar a seu descontento por tratarse dun home, o cal non deixa de ser, como mínimo curioso e significativo, xa que a maioría procedían de mulleres que din avogar pola igualdade e estar a loitar por conseguila.
Roberto Barba exercía ata este momento como maxistrado do Xulgado de Violencia número 1 de Violencia de Xénero coruñés.
Antes disto foi titular do Xulgado do Penal numero 2 de Lugo, a miña cidade, malia o cal non tivera oportunidade de coñecelo persoalmente ata hai 2 anos, no transcurso dunha conferencia que protagonizou, na que abordou o tema da violencia machista, e na que me impresionou moi profunda e positivamente, non soamente polo seus lóxicos coñecementos xurídicos na materia, algo isto que, naturalmente, se daba por suposto, se non polos do elemento humano de todo o referente as vítimas, das súas necesidades reais, dos seus temores, das súas incertezas, do seu precario estado emocional, e, sobre todo, porque foi o único ao que escoitei ter a dignidade e a valentía de falar clara e abertamente, da desprotección que estas mulleres e os seus fillos e fillas sofren case sempre unha vez que se deciden a denunciar.
Non se limitou a falar de orzamentos, que adoita ser o único que reclaman os que se supoñen con competencias na materia, e os expertos e expertas, así como os que non o son tanto, pero aspiran a parecelo, e, desde logo, cobran xenerosamente, como se o fosen, se non que o fixo, e ben alto e moi claramente, de sentimentos, amosando unha empatía coas vítimas que moi poucas veces, por non dicir case nunca, se atopan.
Todos os que me coñecen de preto saben que, cando se trata de violencia de xénero, non son fácil de convencer, e teño que recoñecer que son moi crítica, porque, como vítima que fun, son moi consciente da situación real das mulleres que están a vivir o inferno da violencia machista, é o xuíz Barba impactoume fondamente, porque, por fin, alguén con competencias estaba a facer o que en Si, hai saída levamos anos reclamando, que alguén lle chame as cousas polo seu nome.
Dúas das súas manifestacións chamaron especialmente a miña atención:
- "Están a vendernos moito fume, pero seguimos sen a infraestrutura necesaria", e "Prefiro resolver un caso de violencia de xénero nun día e non alargar a agonía da vítima".
Reitero, sabe do que fala, sabe poñerse na pel das vítimas, e isto, que non é, nin de lonxe , frecuente, é o que realmente se precisa, e con urxencia ademais, con moita urxencia.
Rexeitalo, e máis antes de saber como o vai facer, sinxelamente polo feito de ser home, é, ademais dunha verdadeira atrocidade, unha clara contradición con esa demanda pola igualdade real que reclamamos unha e outra vez.
A sensibilidade, a empatía, que son o que máis precisan as vítimas, non son patrimonio exclusivo das mulleres, nin moito menos, e iso, alomenos na miña cidade, é algo que, por desgraza, sabemos ben, malia que supoñemos que sucederá en todas partes.
Se as vítimas se senten ben acollidas, arroupadas, non cuestionadas e comprendidas, que sexa un home ou unha muller quen as escoita é o que menos lles importa, podo aseguralo.
Por outra banda, reclamar igualdade, proclamar unha e outra vez que non hai tarefa que un home realice que non poida ser feita por unha muller, o cal é certo, para, á hora da verdade, actuar de xeito totalmente oposto cando se da o caso contrario, é, ademais de inxusto, como xa dixen, unha máis que evidente contradición que fai que todas as nosas demandas perdan peso e credibilidade.
As reivindicacións de nada serven se non se acompañan de coherencia e de sentido común.
De non ser así, son falar por falar, como tantas veces sucede.
O que importa é a persoa, non o seu xénero.
Os sentimentos non entenden de sexos, porque se levan no corazón, non no DNI, nin no ADN.
Outra cousa será que, pasado o tempo, se comprobe que a xestión de R. Barba non responde ao que realmente se necesita.
Non sería, desgraciadamente, a primeira vez que alguén, a priori moi capaz e cuns máis que demostrados valores, unha vez chegado ao eido político se contaxia de certos hábitos e intereses, acomodándose, deixándose levar por estes, e por manter a súa privilexiada posición, e, se é posible, medrar e medrar, nin sería a derradeira, e o eido da violencia de xénero é un caldo de cultivo perfecto.
Son moitos e moitas os que ao seu abeiro, atoparon un negocio do máis lucrativo, e un xeito de trepar nun tempo récord, sen importarlles nin o máis mínimo a dor de quen está a vivir un auténtico inferno, nin as vidas que se está a levar por diante, tanto de mulleres como de nenas e nenos.
Agardemos que isto non chegue a pasar, e, por outra banda, tentemos ser coherentes.
Que nós, mulleres, que reclamamos igualdade, sexamos as primeiras en poñerlle atrancos, di moi pouco no noso favor, e pregaríalles ás que o están a facer, que, por un momento, se puxeran no caso contrario, que, de feito, se segue a dar segundo en que eidos, ser rexeitadas por ser mulleres.
Non é preciso explicar a como se sentirían e a lóxica indignación que isto provocaría, non si?
Estamos a vivir un momento moi grave en canto a violencia de xénero, moito, é o que se precisan son persoas capaces de atallar o problema desde a raíz, ou, cando menos, tentalo.
Teorías, xa temos demasiadas, feitos, moi poucos, e menos aínda efectivos, con resultados reais e positivos.
Que quen axude a loitar por acadalos sexa home ou muller é o de menos.
O que realmente se precisa é que sexa persoa e que teña corazón.
Demostremos que nós, as mulleres, sabemos do que falamos e que somos coherentes cos nosos reclamos, e se o que reclamamos é igualdade, que sexa de verdade.