Hai máis reivindicación e sinceridade nos seus principios sobre o feminismo que baixo algunha bandeira. Ángel Paz - cambiou a orde habitual dos seus apelidos -, é un mozo pontevedrés diplomado en Maxisterio Musical; primeiro alumno en obter o Diploma Profesional en Rock e Música Moderna, Máster en Musicología Aplicada e graduado 'Summa Cum Laude' no Berklee College of Music, en Boston. Un centro norteamericano que selecciona internacionalmente mediante audicións aos seus futuros alumnos.
Este mesmo venres 3 de maio, estreou o vídeo promocional do seu primeiro disco en solitario, 'Rostros invisibles'. É rock feminista. Pon música e letra ás biografías que compendiaMontse Fajardo no seu libro 'Invisibles'. O seu é convencemento absoluto, se non, non arriscaría o seu diñeiro e o seu traballo neste proxecto. Na Playlist explica que "non todo o mundo poñeríase diante dun proxecto como o que defendo eu. Quería rodearme dun grupo de homes que fosen os que dan visibilidade a unha causa que están a defender as mulleres. Eu non son ninguén, pero penso que é importante que nós nos impliquemos tamén".
A ese barco subíronse outros dous pontevedreses, Rodrigo Valiente á voz e Adrián Saavedra aos teclados. Con eles tamén Miguel Lamas, Gabriel Fernández e Miki Santamaría. Hai outras dúas mulleres pontevedresas presentes, - catro se incluímos á nai e a avoa de Ángel -, a actriz Beatriz Campos que é quen aparece no vídeo e Liliana Castiñeira, a súa parella, quen foi premio da pasarela Debut 2016 da Esdemga. Avanza en PontevedraViva Radio que o vindeiro 24 de maiopresentará 'Rostros Invisibles' na Sala Karma.
Modesto e sinxelo ata na tatuaxe que lle percorre o brazo e a man. Un mozo nunha ocasión díxolle á súa nai: "mamá, imaxina que algunha vez vas ao cinema e ves o nome do teu fillo nos créditos". Ela, descreída contéstalle: "xa..., non alucines". A comezos deste ano Ángel levou a súa nai e a súa avoa ao cinema para ver 'Bajo el mismo techo'. Ao terminar a película díxolles: "fixarvos nos títulos de crédito". Efectivamente, hai momentos que non se pagan con diñeiro.