Gabriel Domínguez Ruibal, alias G3D3R é marinense ten 21 anos e desde os 16 produce música electrónica. Estuda Produción Musical, Mezcla e Mastering e creou o seu home studio chamado Turtle Records. Gian Franco Martínez, alias Isaías GF é venezolano, ten 22 anos e desde hai ano e medio reside en Pontevedra. Aos doce en Caracas xa se dedicaba a rapear e freestylear. No seu país entrara nalgún estudo de música e contactado con produtores.
Reggaeton, trap, rap, drill, bomb bap... estilos con fieis seguidores e detractores. Non hai termo medio. Defenden o contido destes xéneros fronte a quen os cuestiona e rexeita por ser temas con contidos moi explícitos porque: "é o que hai na rúa, hai sexo, hai drogas, hai violencia. Quizá é un tanto obsceno e deberiamos aprender como transmitir a mensaxe; pero é a verdade con palabras máis fortes", di Gian Franco.
G3D3R compón os seus propios temas e igualmente fai covers, versións, das cancións doutros artistas de electrónica; edita vídeos, fai portadas e tamén produce bases para terceiros "e igual máis adiante úsoo para lanzar temas doutros" comenta en referencia a Turtle Records, nesta edición do 'Cara a cara'.
Isaías GF e G3D3R coñecéronse hai un ano aproximadamente e colaboran, é dicir, segundo o argot da xeración: fan featurings, axuntan as súas habilidades de produción e compositor. Este mesmo xoves 22 de xullo lanzan nas súas redes sociais e plataformas o último tema que editaron, 'Sabes quien soy' e avánzano no podcast de PontevedraViva Radio.