No pasado mes de marzo as Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio reuniron a varios pais para falar sobre paternidade, aproveitando a súa onomástica no calendario. Achegándonos á celebración do primeiro domingo de maio, Día da Nai, reunimos a varias nais para charlar sobre maternidade.
O domingo 7 de maio celebrarán o seu día. Estarán cos seus fillos, cos seus netos, coas súas nais -de presenza ou de pensamento-. Uns días antes reunimos a catro mulleres: traballadoras autónomas e mamás. Mercedes Escauriaza Ibáñez, María Conde Arosa, María Rey Martínez e Patricia Portela Muíños -con dous apelidos, reivindicando tamén o espazo das súas respectivas nais-.
Dez criaturas trouxeron ao mundo entre as catro. Sacaron o primeiro título de mamás con 19, 26, 30 e 33 anos. Nesta animada charla lembran como foron os seus embarazos, os seus partos, a primeira vez que entraron nos seus fogares cos primoxénitos en brazos. Se foron e son mamás de manuais, de seguir consellos próximos ou de seguir o instinto.
Todas teñen as súas profesións e as súas experiencias constatan que a conciliación aínda é un hándicap. E as relacións coas súas propias nais?, todas coinciden en que esa perspectiva cambiou cando tamén se converteron en mamás. E a educación en igualdade, outra cuestión na que as catro convidadas coinciden de forma activa nestas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio
Álvaro, Mercedes, Jorge, Carmen, José, Miguel, Juan, Javi, Nacho e Fran, felicidades por estas mamás.