Concepción Pereiro é a oitava de oito irmáns, tres homes e cinco mulleres. A familia deixou Melide para fincarse en Soria, dado que ao seu pai, mestre, destinárono á capital castelá. Daqueles doce anos conserva gratos recordos e tamén certo arraigamento, de feito algúns membros da familia continúan na terra que versou Antonio Machado. Con 14 regresaron a Galicia e asentáronse na Guarda. Con 19 os estudos trouxérona a Pontevedra.
E naquel momento, Pontevedra tróuxolle a Toño, o seu posterior marido, pai de Lara e Alex e compañeiro de infinidade de afeccións. Despois de traballar varios anos na Administración decidiuse xunto a dúas emprendedoras máis a montar a súa empresa, Viaxes Circe, hai 23 anos. O Concello designouna para que sexa o próximo 12 de agosto a pregoeira das Festas da Peregrina, por ser unha muller moi prolífica na participación social.
Aempe, Vaipolorío, Os Saljariteiros, Trubincos do Batán,Trépia, Os de algures, Sete Espadelas, a Sociedade Antropolóxica Galega, ... son entidades e grupos tradicionais cos que colabora. Conchi Pereiro déixanos ademais un desexo nesta Playlist de PontevedraViva Radio: " que todo o mundo pase o mellor que poida estas Festas da Peregrina e gocen, sanamente iso si".