A cuarta tempada de Radio Escaparate xa está aquí. Moitos de vós, os que escoitades de forma habitual PontevedraViva Radio, xa o sabedes. O programa que impulsan os estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación segue a achegarnos a diferentes cuestións de actualidade, sempre desde o punto de vista universitario.
Así, o escritor pontevedrés Manel Loureiro, o adestrador do Peixe Galego, Javier Llorente, ou persoas que colaboraron como voluntarias na loita contra a vaga de lumes que azoutou Galicia hai unhas semanas foron os protagonistas dos primeiros programas desta tempada.
"A nosa idea é abranguer e atraer cada vez a máis xente, pero non só universitaria", salienta José Jardón, director, xunto a Jorge Gómez, dun magazine radiofónico de 45 minutos que se pode escoitar no seu web todos os martes e, ao día seguinte, en PontevedraViva Radio. Detrás del, un equipo de vinte persoas.
Con ese propósito, explican, "os nosos contidos son variados e non se cinguen exclusivamente á universidade", combinando a actualidade do campus pontevedrés con entrevistas a personaxes de actualidade e convidados "que nos axuden a aumentar a nosa visibilidade".
Gravado nos estudos da facultade, Radio Escaparate incorpora cada curso novos alumnos e alumnas ao seu equipo a través da realización dun casting que, no presente curso, se viu precedido por un obradoiro dirixido a iniciar no mundo da radio ao alumnado interesado.
"As incorporacións foron moi numerosas, xa que ao ser un equipo formado por estudantes hai moitos que rematan a titulación, marchan de Erasmus ou simplemente teñen uns horarios incompatibles coa gravación do programa", salienta Jardón do renovado equipo que afronta a nova tempada dun espazo que, ao tempo que mantén seccións habituais como as entrevistas, incorpora este curso novas propostas.
Unha delas é o apartado Falar da rúa, "na que saímos a falar coa xente de Pontevedra sobre temas de actualidade", e a que se suma a sección Eramos poucos, na que o alumno Iván Iglesias parodia populares temas musicais, xunto coa recuperación da entrevista musical que xa realizaran en tempadas previas e que fai que cada semana unha banda se achegue polo campus para presentar os seus proxectos.
Así mesmo, nese propósito de promocionar e dar a coñecer este espazo radiofónico, o equipo de Radio Escaparate incorporou nesta tempada unha serie de contidos audiovisuais que difunde a través das redes sociais, co propósito, como explica Jardón, de "ampliar o número de seguidores e oíntes".
Nese senso, lograr unha maior difusión e desenvolver "novos proxectos no ámbito da radio", constitúen, como sinala Jardón, dous dos motores da nova andaina do espazo.