En anteriores edicións de Podcans, o educador canino Diego Álvarez ten explicado como saber a idade dun can. No podcast deste pasado domingo centrouse nos cachorros. Cuestión importante para determinar se se quere ter a compañía dun can adulto ou non, para que os seus acompañantes poidan interpretar certos comportamentos do animal no tránsito á idade adulta, ou para saber como, cando e que ensinarlle e estimularlle. Para aquelas persoas que teñan un cachorro, achega igualmente algunhas precaucións, consellos e explicacións de termos como a 'impronta'.
Doutra parte e dado que no anterior programa emitido en PontevedraViva Radio o contido centrouse nas demandas que expón a Asociación de Amigos da Canceira de Poio a ese Concello para poder manter a súa actividade; Diego Álvarez achega as novidades resultantes tras o pleno celebrado o 26 de novembro.
Podcans esta vez recolle a iniciativa #ECHAUNAPATA19 de Patasbox en Instagram. Unha iniciativa da pontevedresa Aida Martínez coa que falamos para coñecer esta proposta que chegou xa á súa cuarta edición.
E a imaxe que acompaña o programa é a de Napoleón, un can de catro anos que require adopción e que está custodiado pola Asociación de Amigos da Canceira de Poio. Pesa uns 17 quilos, e é sociable con cans e humanos. Lembra que calquera dúbida ou tema que queiras expor en relación aos cans podes enviar un correo electrónico a podcans@gmail.com