O persoal do Diario de Pontevedra protestará na rúa contra os últimos despidos
Por Redacción
Traballadores do Diario de Pontevedra volverán manifestar a súa oposición ante a "actitude intolerable e abusiva" da dirección financeira deste xornal local.
Nos últimos días foron despedidas catro persoas, dúas delas pertencentes ao departamento de Distribución e outras dúas que traballaban na área de Redacción.
A primeira acción de protesta será o luns 4 de decembro, de 12.00 a 12.30 horas, no cruzamento entre Benito Corbal e Lepanto, na contorna da Xunta de Galicia e nas proximidades da sede do Diario de Pontevedra.
O comité de empresa entende que son "inxustificadas" as extincións dos contratos realizadas pola entidade. A empresa alega causas económicas, produtivas e de organización.
Os representantes do persoal temen que no futuro mantéñanse estes despedimentos debido á externalización da carga laboral que ata o de agora realizaban traballadores do xornal, decano na cidade.
A representación sindical, apoiada por CIG e UXT, denuncia a externalización do servizo de Distribución, sen que se comunicara ao comité de forma oficial. Consideran que esta acción é un "acto de mala fe e unha evidencia das malas maneiras que a parte empresarial gasta cos seus empregados e empregadas".
O servizo pasou a mans de Disgasa e, ao día seguinte, Lérez Ediciones despedía a dúas persoas asalariadas: un repartidor e unha administrativa.
Tamén se rescindiron os contratos de dúas redactoras, ás que se lles comunicaba na carta de despedimento que o seu traballo non era rendible. Segundo indica o comité, as áreas de traballo e seccións destas xornalistas son agora asumidas polo resto do persoal de Redacción.
Lembran que, nos últimos dez anos, o equipo do Diario de Pontevedra pasou de 70 a 42 empregados. Consideran que, con estas decisións empresariais, a calidade informativa e o compromiso do xornal coa cidade e as comarcas se atopa en perigo.
Relacionadas:
-
Persoal do Diario de Pontevedra concéntrase ante o temor dun plan de recortes despois de catro despidos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Desconvocada a folga indefinida no Diario de Pontevedra ao acordar unha suba salarial
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Os traballadores do Diario de Pontevedra seguen en loita para reclamar un convenio xusto
Por Redacción |
-
O persoal do Diario de Pontevedra maniféstase polas rúas da cidade
Por Redacción |
-
Persoal do Diario de Pontevedra mobilízase para reclamar un convenio colectivo digno con salarios xustos
Por Mónica Patxot & Redacción |