Desconvocada a folga indefinida no Diario de Pontevedra ao acordar unha suba salarial
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O persoal do Diario de Pontevedra comezaba este xoves 22, tal e como anunciara, unha folga indefinida coa intención de reclamar un convenio colectivo digno. Segundo o sindicato CIG, este paro contou co apoio maioritario entre o persoal.
A primeiras horas da mañá celebrábase unha asemblea e, a continuación, un grupo de traballadores e representantes sindicais concentrábase diante das instalacións do xornal situadas na Rúa Lepanto. Na asemblea matinal, coa participación de integrantes da dirección do Diario de Pontevedra, decidíase se se iniciaba a folga e o resultado foi de 34 votos favorables fronte a 8 en contra de acometer esta acción reivindicativa.
Segundo indica a CIG, ata a noite do mércores houbera un intento por alcanzar un acordo entre as partes pero finalmente non se lograra "porque a dirección continuaba facendo ofertas insuficientes".
Os traballadores demandaban a negociación da cláusula de revisión salarial, ao considerar "irrisoria" a proposta de subida de soldos presentada na mesa de negociación por parte da empresa.
O conflito iniciouse porque os salarios non se actualizan desde o ano 2015 cunha perda de poder adquisitivo que supera o 22%, despois das subidas do IPC durante os útlimos anos. Fontes sindicais afirman que, en moitos casos, o persoal se atopa nunha "situación límite".
Finalmente, ao longo das últimas horas, xa coa folga en marcha, mantiveron un novo encontro os representantes sindicais e a empresa alcanzando un acordo para a suba dos salarios do persoal. Deste xeito, despois do mandato da asamblea de traballadores, o plantel de Diario de Pontevedra decidía, por maioría das súas traballadoras e traballadores, desconvocar a folga indefinida.
Relacionadas:
-
O persoal do Diario de Pontevedra protestará na rúa contra os últimos despidos
Por Redacción |
-
Os traballadores do Diario de Pontevedra seguen en loita para reclamar un convenio xusto
Por Redacción |
-
O persoal do Diario de Pontevedra maniféstase polas rúas da cidade
Por Redacción |
-
Persoal do Diario de Pontevedra mobilízase para reclamar un convenio colectivo digno con salarios xustos
Por Mónica Patxot & Redacción |