O comité de empresa de Treves acode á Inspección de Traballo para que medie na negociación do ERE
Por Redacción
Os traballadores de Treves-Galicia están dispostos a mobilizarse contra a proposta da empresa de poñer en marcha un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) suspensivo na fábrica do Campillo. O comité e a patronal levan varios días intentando negociar a medida, pero non chegaron a un acordo, de modo que o equipo aprobou que, se non se alcanza consenso, poñerán en marcha paros puntuais e, se se continúa sen entendemento, mesmo unha folga indefinida.
Antes de adoptar estas medidas e tras a xuntanza mantida esta tarde coa dirección sen chegar a alcanzar acordos, os representantes dos traballadores decidiron acudir á Inspección de Traballo para que medie nesta negociación. Mañá, mércores, finaliza o período de consultas.
O comité de empresa compareceu este martes en rolda de prensa para dar a coñecer a situación. O seu presidente, David Couñago, explicou que os traballadores reuníronse en asemblea o sábado e decidiron rexeitar a protesta da empresa e poñer en marcha os citados paros se decidía aplicar o ERE unilateralmente. Nese caso, tamén teñen intención de denunciar no xulgado á empresa por presentar un ERE baseándose en "datos que non son reais" sobre a actividade da factoría.
A proposta inicial da empresa era aplicar un ERE suspensivo de 56 días "coa ameaza de convertelo en extintivo" que implicaría un complemento do 70% do salario, o 80 por cento das pagas e o 90 por cento das vacacións. Non obstante, tras a última reunión, Trèves mostrouse disposto a rebaixar a incidencia da medida a 46 días e subir a compensación ao 76,5 por cento do salario, o 96 por cento das pagas e o 100 por cento das vacacións.
A pesar de que a empresa suavizou as condicións, os traballadores non as aceptan. Couñago asegura que "estamos dispostos a negociar", pero non a aceptar o formulado por Treves, pois consideran que non se axusta á realidade do día a día da fábrica, "non o entendemos". A proposta da patronal baséase nun informe con previsións de actividade anuais que recolle un excedente de persoal que "non é real para nada".
Para desmontar a xustificación da empresa, os traballadores sinalan que cadra tal proposta coa carga de traballo que ten a emprea ao estar, nestes momentos, fabricando pezas para o novo modelo que ten en marcha Citroën en Vigo. Aseguran que "non sobra ninguén" dos 150 traballadores actuais do Campillo e que "nalgúns momentos mesmo fai falta máis xente".
Os traballadores recordan que levan encadeando sucesivos ERE dende 2009 e que neste período se reduciu o equipo de 248 a 150 traballadores, un persoal que agora xa consideran moi axustado. Ademais, pregúntanse se sobra persoal por que en 2013 se realizaron un total de 8.000 horas extra a pesar de que estaban a aplicar un ERE.
Relacionadas:
-
A CIG denuncia que Treves sanciona tres dos seus delegados con intención de influír nas eleccións sindicais
Por Redacción |
-
O plantel de Treves acepta un ERE suspensivo de 40 días
Por Diego Espiño |
-
O persoal de Treves decidirá o sábado 15 se acepta o ERE proposto pola dirección
Por Redacción |
-
Treves parará unha semana obrigada polo axuste de produción de Citroen
Por Redacción |
-
Os traballadores de Treves desconvocan a folga ao aceptar a dirección as súas peticións laborais
Por Anxo Lourido |