O persoal de Treves decidirá o sábado 15 se acepta o ERE proposto pola dirección
Por Redacción
O comité de empresa e a dirección pecharon sen acordo a negociación mantida durante a tarde deste martes 11 en Vigo coa mediación da Inspección de Traballo sobre o expediente de regulación de emprego (ERE) que formula a empresa ao longo de 2014.
A empresa, que contou na negociación coa presenza do director xeral en España, Antonio del Hoyo, rebaixou as súas pretensións iniciais deixando o ERE suspensivo en 40 días. Non obstante, as diferenzas cos representantes dos traballadores estableceuse, segundo o presidente do comité de empresa David Couñago, nos complementos. A empresa pretende aplicar un complemento do 80% do salario durante os primeiros 35 días do ERE e un 76,5% nos cinco restantes, cun 95% nas pagas e un 100% nas vacacións. Pola súa banda, os representantes sindicais reclamaban un complemento do 84% do salario durante os 40 días de duración do ERE.
Ante esta situación, pechouse a negociación á espera de que o sábado 15 se desenvolva a asemblea de traballadores da fábrica provedora de compoñentes para os vehículos da factoría de Citroën. Alí, os empregados terán que decidir se aceptan esta última proposta formulada pola dirección da empresa ou se a rexeitan e inician un calendario de protestas.
Os membros do comité de empresa denuncian que levan dende 2009 soportando varios expedientes de regulación de emprego e unha importante redución do cadro de persoal, que segundo sinalan, se encontra moi axustado para facer fronte ao traballo que se desenvolve na fábrica situada no Polígono do Campiño.