O PP pide explicacións ao goberno local de Vilaboa por "tapar" vellos pagos sen facturas que investiga o Consello de Contas
Por Redacción
Alberto Acuña, portavoz do PP de Vilaboa, advirte este mércores que o Consello de Contas de Galicia, ente fiscalizador que dirixe Juan Carlos Aladro, admitiu a trámite a denuncia do Partido Popular para que se investigue a xestión económico-financeira do Concello de Vilaboa polos gastos sen factura e de "difícil xustificación" de 659.315 euros que se produciron durante as dúas últimas décadas.
Os populares explican que as "presuntas irregularidades moi graves" se sitúan nun período entre 2003 e 2009 e que "foron tapados e traspasados sucesivamente polos gobernos socialistas, ano a ano, ata a actualidade".
Está previsto que o Consello de Contas emita o ditame sobre esa xestión no primeiro trimestre do ano 2024.
Denuncian que os asentos de contabilidade dos gastos carecen "de documentación ou referencia, teñen unha nomenclatura ou denominación pouco clara, esquemática ou confusa e mesmo algúns aparecen borrados".
Afirman que a situación se arrastrou como "saldo pendente" a través de prórrogas económicas en cada exercicio e que o actual goberno do alcalde socialista César Poza non quixo seguir acumulando ao optar por resolver a modificación de crédito en 2022 para financiala con cargo ao remanente de tesourería.
Reclaman, #ante este problema, unha explicación pública por parte do goberno local ao entender que tentan "tapar" con remanente con "absoluto escurantismo e sen que se acrediten debidamente eses gastos e servizos". Alertan de que estes pagos ocasionan a situación contable complicada actual do concello de Vilaboa, segundo expón Alberto Acuña.