Xulgan un adestrador de baloncesto por agresión e abuso sexual a tres menores
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgou este martes un mozo que presuntamente entre os anos 2012 e 2016 abusou e agrediu sexualmente a tres menores de idade. Unha delas era a súa noiva e asegura que a obrigou a manter relacións non consentidas, outra era unha moza de 14 anos á que adestraba e que explica que mantivo relacións sexuais con el chorando e a terceira era unha nena de 13 á que daba clases de guitarra e supostamente realizou tocamentos.
O acusado, no momento dos feitos, era adestrador dun club de baloncesto da comarca do que PontevedraViva non dará o nome para non identificar as vítimas. Á súa noiva coñeceuna no club, a moza de 14 anos xogaba no equipo e a terceira vítima era irmá dun compañeiro do equipo. Con todo, estes feitos foron denunciados cando o mozo xa non estaba vinculado a este equipo. Na actualidade, vive no estranxeiro e segue vinculado ao mundo do baloncesto.
A Fiscalía de Pontevedra acúsao dun delito de agresión sexual a menor de 16 anos de carácter continuado, un delito de abuso sexual de carácter continuado a menor de idade e un delito continuado de agresión sexual con penetración a menor de idade co agravante de parentesco.
Por estes tres delitos, pide que sexa condenado a 21 anos e oito meses de prisión e á prohibición de aproximarse a menos de 200 metros das súas tres vítimas e comunicarse con elas.
Ademais, a fiscala pide para el a medida de liberdade vixiada por un total de 15 anos e a súa inhabilitación para desempeñar oficios ou actividades que supoñan contacto con menores de idade por un tempo de 32 anos. En la actualidad trabaja en un colegio.
A fiscala tamén pide que indemnice a unha vítima con 25.000 euros e a outra con 50.000.
As tres vítimas declararon este martes na Audiencia a porta pechada para protexer a súa intimidade e, ademais, fixérono protexidas por un biombo para evitar o contacto visual co acusado.
A declaración do acusado si foi en audiencia pública e o home negou todas as acusacións de abuso e agresión sexual. Si recoñeceu que mantivera relacións sexuais con dúas das mozas cando eran menores de idade, pero asegurou que sempre foran consentidas. "Toda la actividad sexual que teníamos era consentida", insistiu sobre as dúas vítimas de agresión e negou tamén tocamentos á terceira menor.
A unha das súas vítimas coñeceuna adestrando en 2014. El acababa de cumprir 19 anos e ela tiña 14 e foi o seu adestrador durante algúns adestramentos e dous partidos. Empezaron a falar por redes sociais, logo quedaron algunha vez e ao ano seguinte, en 2015, empezaron a quedar con "más frecuencia". O mozo recoñece que nunca tiveron unha relación de noivos e que mantiveron relacións sexuais en distintas épocas durante un ano, máis ou menos.
Segundo o relato del, quedaban tanto no rúa como en locais de hostalería, sen esconderse, e normalmente mantiñan relacións sexuais no piso compartido no que vivía el. Segundo denunciou a moza, durante algunha desas relacións, ela estaba a chorar e el recoñece que en dúas ocasións "noté que estaba mal", viuna chorar durante a relación sexual e pararon. Falaron diso e ela foise á súa casa.
O acusado recoñeceu que a moza lle contaba os seus problemas, "hablaba mucho con ella" e contáballe o seu "malestar", pero non consideraba que ela fose vulnerable, como si considera a acusación.
Anos máis tarde, antes de que esta moza denunciase no ano 2019, ela envioulle unha mensaxe reprochándolle "me cambiaste la vida cuando tenía 14 años" e el envioulle outro dicíndolle: "asumo toda la culpa". El recoñece esta segunda mensaxe, pero explica que se desculpa porque "yo no me había portado bien con ella" en relación coa súa ex noiva, pois cando a moza quixo volver con el, el deixouno todo, volveron e esa moza supostamente ameazou á menor desde o seu teléfono móbil.
Esa relación coa vítima de 14 anos era intermitente e o acusado recoñeceu que a foi intercalando coa relación coa súa noiva, coa que mantivo unha relación de 2013 a 2016. Coñeceuna cando ela tiña 15 e el 16 e ambos xogaban ao baloncesto. Con ela empezou a manter relacións sexuais desde que el tiña 17 e ela 15, case 16.
Esta moza denuncia tres episodios nos que as relacións non foron consentidas, pero el négao, asegurando que "nunca" a obrigou a manter relacións completas nin sexo oral e que el si sentiu obrigado. "Yo sí me sentí coaccionado a tener relaciones con ella cuando estaba operado de la rodilla, pero era mi pareja y lo hice", declarou.
Desta segunda vítima explica que tiveron unha "relación tóxica" e "muy convulsa", con moitas discusións e infidelidades e que, cando o deixaban, el estaba coa outra.
Da terceira vítima explicou que ela tiña 13 anos e dáballe clases de guitarra. A pesar de que a moza asegura que a someteu a tocamentos, el asegura que non o facía e que tiña unha relación "muy próxima" con toda a súa familia, que "me trataban como si fuese un hijo y yo les consideraba como de la familia".
As acusacións sacaron a relucir supostos casos de relacións do acusado con mozas de 11 ou 12 anos ás que supostamente pedía que lle enviasen fotos en roupa interior ou en bikini, pero estes feitos non forman parte da acusación formal nin do xuízo, de modo que o tribunal rexeitou sacalas a colación. Tamén rexeitou a Audiencia que achegasen como probas publicacións en redes sociais das vítimas.
Relacionadas:
-
Absolto un adestrador acusado de agresión e abuso sexual a menores por ser relacións "plenamente consentidas"
Por Natalia Puga |
-
"A túa filla leva cinco anos vivindo un inferno, sufriu abusos"
Por Natalia Puga |
-
Un ano xudicial marcado polo triplo crime de Valga, os clans do Vao e os delitos sexuais
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía pide máis de 21 anos de cárcere para un home por agredir sexualmente a tres menores
Por Oskar Viéitez |