Dous presos da Lama, investigados por tres roubos en Ourense antes de entrar en prisión
Por Natalia Puga
Dous homes de 36 e 41 anos que actualmente se atopan recluídos no centro penal da Lama están a ser investigados pola Garda Civil de Ourense, como supostos responsables de tres delitos de roubo con forza cometidos antes do seu ingreso en prisión.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Xinzo de Limia tomou declaración en calidade de investigados aos dous reclusos no centro penal da Lama.
Os homes, de nacionalidade xeorxiana, están investigados como presuntos autores de tres delitos de roubo con forza cometidos o día 3 de xullo na Valenza (Barbadás).
Os tres roubos que se lle atribúen rexistráronse en tres domicilios aos que os ladróns accederon utilizando unha chave falsa.