O Tribunal de Contas dá o carpetazo definitivo á denuncia do PP polos terreos da planta da Canicouva
Por Natalia Puga
O Tribunal de Contas deu carpetazo definitivo á denuncia iniciada polo Partido Popular de Pontevedra en relación co contrato entre o Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes Veciñais en man común da Canicouva polo alugueiro dos terreos para a planta de compostaxe desta parroquia.
O PP xa denunciara o pago do alugueiro aos veciños da Canicouva ante Fiscalía de Pontevedra, que arquivou a investigación. A continuación, recorreu ao Tribunal de Contas alegando malgasto do Concello de Pontevedra por pagar 20.000 euros anuais á comunidade de montes dun contrato que consideraban "extinguido".
A tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde, deu a coñecer a resolución este xoves, tras a reunión da Xunta de Goberno, e concluíu que, con este auto, "queda pechado definitivamente" este procedemento e o intento do Partido Popular dá "xudicialización da planta da Canicouva".
A delegada instrutora do Tribunal de Contas xa emitiu un ditame en outubro rexeitando a denuncia porque consideraba que "non existe ningunha responsabilidade contable" no contrato nin no pago que denuncia ao PP, o relativo ao ano 2020. Así, concluía que ese pago "está xustificado, en canto é un pago debido por causa da vixencia do contrato que nos ocupa".
Ademais, a instrutora lembraba que existe unha sentenza de maio de 2023 que condena ao Concello ao abono do canon do ano seguinte, 2021.
Agora, o Tribunal acaba de emitir un auto no que, seguindo o xa dito pola instrutora, conclúe "non haber lugar á continuación do procedemento".
Así, conclúe que, tal e como tamén sostén a Fiscalía, "non cabe apreciar que os feitos investigados deran lugar a ningún suposto de responsabilidade contable". Desta forma, non hai lugar á incoación do xuízo.
Relacionadas:
-
O Tribunal de Contas non ve responsabilidade contable no caso do terreo para a planta de compostaxe na Canicouva
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O xulgado obriga o Concello de Pontevedra a manter o pago polos terreos da planta de compostaxe na Canicouva
Por Redacción |
-
O contrato dos terreos da Canicouva, agora a exame do Tribunal de Cuentas
Por Alejandro Espiño |
-
Lores tilda de "covarde" ao PP por ocultar o arquivo da investigación sobre os terreos da Canicouva
Por Alejandro Espiño |
-
A Fiscalía non ve delito no aluguer dos terreos da Canicouva e arquiva a denuncia do PP
Por Natalia Puga |