A primeira fin de semana de Noites Abertas bate récords de participación
Por Redacción
A XV edición de Noites Abertas comezou cos mellores rexistros alcanzados por este programa de lecer xuvenil para as fins de semana xa que 562 mozos participaron durante, o primeiro venres e sábado de febreiro, nas 24 actividades que se propoñían a través da Concellaría de Xuventude, que xestiona Demetrio Gómez.
Dez das actividades completaron o número de prazas dispoñibles ata o punto de que en tres delas resultou necesario realizar sorteos entre os asistentes para designar ás persoas que finalmente podían participar do obradoiro. Os talleres máis demandados foron cociña vexetariana, sobremesas árabes e animación con Stop Motion, seguidas por danza contemporánea, baile galego, labor de gancho e calceta, masaxe tailandesa, fotografía-lomografía, fútbol 7 e baile latino.
Os homes son maioría, alcanzando unha cifra de 301, porque unha das actividades máis demandadas é a de fútbol 7, que contou con 138 rapaces e ningunha muller. En total, foron 261 as rapazas que formaron parte dos distintos talleres.
Por idades, o 57,7% dos mozos teñen entre 17 e 25 anos, un grupo de idade que durante os primeiros anos de Noites Abertas era o menos numeroso. O 28,6% correspóndese co grupo de entre 12 e 16 anos.
Esta próxima fin de semana ofertarase un programa que conta, entre outras propostas, cunha exhibición de Break, Beat Box e poesía.
Dende a concellaría de Xuventude recoméndase aos participantes que saquen o seu carné de socios xa que, a pesar de que non é un requisito para entrar nas actividades, permite participar nos sorteos de bonos de libros e obter información de primeira man sobre todas as alternativas de ocio que organiza o Concello ao longo do ano.