Indignación entre os residentes da rúa Augusto García Sánchez pola presenza continua de "gorrillas" consumindo alcohol
![Anxo](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/022/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/6683d39821-a.jpg)
Por Anxo Lourido
Residentes da rúa Augusto García Sánchez, no barrio pontevedrés de Campolongo, están cansados da situación que se repite constantemente nesta zona debido á presenza dos denominados "gorrillas", persoas que se dedican a aparcar coches a cambio dunhas moedas, nos soportais dos edificios desta contorna.
Denuncian que sempre hai un mínimo de tres persoas asentadas baixo eses soportais, situación que consideran "moi desagradable" para a veciñanza que ten acceso ás vivendas.
Sinalan que normalmente permanecen tres persoas a primeiras horas da mañá nesta galería privada de uso público e, a medida que avanza o día, vanse sumando ata ao redor de oito persoas que se dedican a consumir alcohol e substancias estupefacientes na rúa coas litronas esparexidas pola beirarrúa e soportais.
Estes veciños indican que mesmo instalan cadeiras de praia para pasar a xornada neste espazo, que deixan sucio.
Advirten de que a Policía Local non actúa malia que o consumo de alcol na rúa é continuo por parte destas persoas, incumprindo tanto a Lei de Saúde da Xunta de Galicia e a ordenanza municipal que prohiben "o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e outros lugares de tránsito público". Lembran tamén que toda esta situación se produce a escasos metros do colexio público de Campolongo ante a presenza de menores de idade que acceden ao centro escolar.
Os residentes manifestan que o Concello de Pontevedra tampouco atende as súas demandas ante unha situación que se mantén no tempo sen perspectiva de solución.
Relacionadas:
-
Un porteiro e un portal danados nunha tarde de pelexas en Campolongo
Por Natalia Puga |
-
Domínguez cualifica de "sucia e decadente" a imaxe que ofrece a contorna da Praza de Galicia
Por Redacción |
-
Unha dependenta presencia un furto de queixo e salmón e segue ao ladrón ata outro 'super' mentres chama á Policía
Por Natalia Puga |
-
Unanimidade para abordar "con prudencia e con tempo" a inseguridade en Augusto García Sánchez
Por Alejandro Espiño |
-
Seis novos axentes incorpóranse á Policía Local de Pontevedra
Por Redacción |
-
O PP faise eco das queixas cidadás pola falta de iluminación pública e levaraas a pleno
Por Redacción |
-
Queixas veciñais pola inseguridade que xera a falta de iluminación pública
Por Oskar Viéitez |
-
Malestar entre os veciños de Augusto García Sánchez polo estado da rúa
Por Oskar Viéitez |