Os veciños que queiran dar de alta os seus galiñeiros contarán coa axuda do Concello de Soutomaior
Por Redacción
O goberno de Soutomaior anunciou que axudará a toda a veciñanza que o precise para desenvolver os trámites que a Xunta esixe para dar de alta os galiñeiros particulares.
O goberno de Soutomaior decidiu poñer a disposición da veciñanza o seu servizo técnico e administrativo para axudar na tramitación necesaria. Esta obrigatoriedade de rexistrar todos os galiñeiros particulares ten por obxectivo mellorar o control sanitario das aves de curral (galiñas, patos, ocas, pavos, palomas...).
Así, todas as persoas con currais particulares en Soutomaior que o precisen poderán achegarse ata o Concello, onde os técnicos municipais lles axudarán a cubrir a documentación necesaria para dar de alta os galiñeiros e todos os trámites de xestión desa alta.
Ademais, o Concello recorda que aquelas persoas que queiran realizar o rexistro de maneira telemática pódeno facer cubrindo o formulario que se atopa neste enlace e subíndoo á sede electrónica da Xunta. A maiores, o trámite tamén se pode levar a cabo na Oficina Agraria Comarcal de Porriño.
A concelleira de Medio Rural, Charo Bouzón, sinalou que "esta decisión de dar de alta os galiñeiros particulares non depende do Concello. Dende o goberno de Soutomaior poñemos a disposición os servizos técnicos e administrativos municipais para que todas as persoas propietarias de galiñeiros no noso concello poidan dalos de alta e garantir que se cumpran todas as condicións de seguridade e sanidade".
Pola súa parte, o alcalde, Manu Lourenzo, asegurou que "Soutomaior non deixará a ninguén atrás, todos os veciños e veciñas que o precisen poderán achegarse ata o Concello, onde lles daremos toda a información e lles axudaremos a dar de alta os seus galiñeiros".