Sanxenxo reclama ao Goberno de Sánchez que os galiñeiros para autoconsumo queden exentos do rexistro
Por Redacción
En Galicia existen 52.000 galiñeiros, espazos que serán regulados por rexistro despois de que o Goberno español establecese as normas básicas de ordenación das granxas avícolas.
O pleno do Concello de Sanxenxo aprobaba este luns unha moción do grupo de goberno, o Partido Popular, na que insta ao executivo de Pedro Sánchez a que modifique o Real Decreto 637/2021 no que se establecían esas normas para que se suprima a obrigatoriedade de rexistro das explotacións de autoconsumo, agás decisión da autoridade competente.
María Deza, portavoz do goberno local, manifestaba que o PP comparte o malestar da poboación galega fronte a estes requisitos "impostos polo Goberno central ao supoñer máis carga burocrática e trabas para aqueles propietarios que non sacan ningún beneficio económico destas explotacións ao non poder comercializar".
A moción saía adiante cos votos favorables do PP, a abstención do BNG e os votos en contra do grupo municipal socialista.
Tamén se aprobaba a moción do PSOE na que se pedía a humanización do acceso á praia de Areas, no tramo que discorre entre o aparcamento e a rotonda da PO-308, aplicando a preferencia peonil, con dotación de luces led e ocultando o cableado de electricidade e telecomunicacións baixo o chan. Os tres partidos apoiaron a proposta.
María Deza indicaba que será necesaria a cesión de terreos para ampliar o vial para que manteña o dobre sentido de circulación.
Quedaron fóra da sesión plenaria tres mocións presentadas polo BNG ao formularse fose do prazo establecido polos portavoces do goberno. Tamén era rexeitada a moción nacionalista sobre o 8-M.