A Deputación mobiliza 4 millóns de euros en materia de Servizos Sociais e Turismo
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Provincial nas que se mobilizaron 4 millóns de euros en materia de Servizos Sociais e Turismo.
A contía máis importante, de 3,1 millóns de euros destínase ás bases do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais.
Este plan ten como obxectivo proporcionarlles asistencia económica aos 51 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes nas súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos.
Así, a Deputación de Pontevedra destinará 1,2 millóns de euros para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar básico destes concellos e corporacións locais, e outros 1,9 millóns para o financiamento da contratación de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios.
Segundo detallou Luis López os concellos recibirán unhas axudas que se moven nunha horquilla dun mínimo de 24.000 euros e un máximo de 120.000 euros.
Na Xunta de Goberno tamén se aprobou destinar outros 600.000 euros ás bases das Axudas Básicas de Emerxencia. A través desta liña de axudas, a institución provincial pon ao dispor dos servizos sociais comunitarios dos concellos recursos públicos de para que poidan atender as demandas de urxente e puntual necesidade dos cidadáns que se atopan en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas con menores ao seu cargo, ademais de dar resposta a situacións de grave emerxencia.
Dos citados 600.000 euros, un total de 400.000 euros son para axudas de gastos correntes (alimentación, vivenda, pago de servizos e subministracións básicos) e 200.000 euros para investimentos, e establécese unha contía máxima para cada concello que vai desde os 7.800 aos 14.000 euros, en función da súa poboación e da porcentaxe de desemprego con respecto á mesma.
TURISMO
O Goberno provincial tamén aprobou este venres destinar preto de 230.000 euros á xestión do Centro de acollida e atención ao público no Castillo de Soutomaior (196.000 euros ao ano)
O novo servizo inclúe cuestións como o control do acceso e rexistro do número de visitantes, a planificación, organización, promoción, acompañamento e explicacións das visitas (tanto da musealización como dos xardíns), a promoción e difusión do coñecemento do castelo como un dos principais recursos turísticos culturais do destino Rías Baixas, a atención e información ao público, tanto en persoa como por plataformas web, e a acollida e colaboración, se fose necesario, na celebración de actos institucionais e actividades organizadas polo castelo.
A Deputación tamén adxudicou por máis de 30.000 euros ao ano a Plataforma tecnolóxica de xestión automatizada das visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso e ao Museo de Pontevedra.
O sistema de xestión automatizada da visita incluirá o sistema de adquisición de entradas e reserva de visitas. Renovaranse os portais web dedicados a este fin e, ademais, ampliarase o abanico de novas fontes de ingresos, a orde do fluxo das visitas, a xestión de accesos e validación de entradas, a xestión da dispoñibilidade dos espazos, a creación dunha canle específica para profesionais do turismo, a atención aos visitantes en liña, a elaboración de estatísticas e analíticas de datos, a implementación dun sistema de comercialización, a dotación dos equipos e programas necesarios, ou facilitar a integración da ferramenta con outros sistemas aos que deberá proporcionar información, entre outras cuestións.
Finalmente, Luis López anunciou que o vindeiro xoves 18 de xaneiro a Deputación de Pontevedra vai presentar no vestíbulo do Pazo Provincial un adianto da campaña de promoción turística para este destino para este ano 2024, que será estreada en Fitur.
Relacionadas:
-
Comeza o segundo proceso de contratación de persoal en Soutomaior
Por Redacción |
-
O PP pide o incremento de persoal no departamento de Servizos Sociais para deixar de ser "un ayuntamiento sin alma"
Por Anxo Lourido |
-
"100% Rías Baixas" é o lema da campaña de promoción turística da Deputación coa auga como elemento vertebrador
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Encontro entre García-Pelayo e López no castelo de Soutomaior
Por Redacción |
-
Poio delega no ORAL a xestión das multas de tráfico que impoña a Policía Local
Por Redacción |
-
O BNG asegura que o goberno da Deputación "borraría se puidese" algunhas das súas "primeiras e desafortunadas" decisións
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación informa os alcaldes dos cartos que corresponden a cada concello
Por Oskar Viéitez |